NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello e a Asociación de Escritores en Lingua Galega colaboran na organización de actividades para a promoción da literatura

17/10/2012 Froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, convócase para os vindeiros meses un Obradoiro de escrita creativa e dous Paseos literarios por Compostela que estarán guiados por membros da Asociación de Escritores.

Carlos Negro será o encargado de conducir as sesións do Obradoiro de escrita creativa, que pretende lograr que os participantes adquiran o hábito da escritura como outra maneira de gozar do tempo libre, á vez que afondará na afección pola lectura e na valoración do feito literario como produto lingüístico, estético e sociocultural.

O Obradoiro vaise realizar no Centro Sociocultural de Conxo. Comeza o sábado 27 de outubro ás 11 da mañá e desenvólvese en dez sesións de dúas horas cada unha. A inscrición é de balde ata completar as 20 prazas que se ofrecen e cómpre formalizala dirixíndose ao Departamento de Lingua Galega (981 542 409 ou dlg@santiagodecompostela.gal).

Esta acción literaria complétase con dous paseos literarios guiados por Euloxio R. Ruibal e Marilar Aleixandre, deseñadores e tamén guías de cadansúa ruta, coas que calquera persoa interesada poderá achegarse á Compostela literaria desde a particular visión dos autores. A primeira das citas será o 10 de novembro ás 12 da mañá e comezará na escultura de Chillida no Parque de Bonaval co dramaturgo Euloxio Ruibal como protagonista. A segunda iniciarase tamén ás 12, o 24 de novembro, diante do Hostal dos Reis Católicos con Marilar Aleixandre. Para participar nestes itinerarios non é necesario inscribirse previamente.

Compartir: