DEPORTES

Algúns dos mellores xogadores do mundo de squash compiten xa na pista de Área Central

17/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, mantiveron en Raxoi un encontro cos participantes no Torneo Internacional de Squash PSA "Camiño de Santiago". A competición, celébrase ata o sábado 20 de outubro na pista de cristal instalada en Área Central.

A capital galega volve a contar con algúns dos mellores xogadores do mundo de squash, unha especialidade que cada día gaña máis adeptos. Unha edición máis, o Squash Santiago, que este ano celebra o seu 30 aniversario, faise cargo da organización do torneo internacional.

No evento participan xogadores dos cinco continentes. Nesta sexta edición, os catro primeiros cabezas de serie están entre os vinte mellores xogadores do mundo. Destaca, unha vez máis, o favorito da afección local, Borja Golán, que defenderá o título que gañou na mesma pista de Área Central na edición de 2011. A el e aos seus rivais, o alcalde e o concelleiro desexáronlles unha boa competición.

Esta competición é a máis importante de España e unha das máis relevantes en Europa. Ademais, o seu marco, a pista de cristal de Área Central, faina un evento especialmente atractivo para o público, que pode gozar coa mellor visibilidade da rapidez e dinamismo deste deporte.

Direccións relacionadas



Compartir: