INFRAESTRUTURAS

Satisfacción municipal pola fluidez no tráfico a raíz da apertura das glorietas das Cancelas

16/10/2012 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, asistiu á sinatura da acta de recepción das obras das dúas glorietas construídas no entorno do futuro centro comercial das Cancelas. Ambas, xa en funcionamento dende hai unhas semanas, supuxeron unha considerable mellora da circulación viaria na zona.

Das actuacións para mellorar a mobilidade no entorno do novo centro comercial, as últimas en entrar en funcionamento foron os dous carrís directos entre a avenidas Rodríguez de Viguri e Camiño Francés. Lembrou a concelleira que esta obra tamén se aproveitou para facer melloras no estacionamento e nos vados dun edificio de Rodríguez de Viguri.

Estes dous carrís completan a actuación realizada para construír dúas novas glorietas: unha na confluencia de Rodríguez de Viguri co Camiño Francés e outra na avenida Xoán Paulo II. Estas actuacións supuxeron para os promotores do centro comercial un investimento de máis de 500.000 euros.

"Estamos moi satisfeitos co funcionamento desta nova glorieta, que vén a substituír estruturas viarias moi obsoletas, con moitos semáforos que supoñían paradas por un tempo considerable e dificultaban o tráfico", indicou María Castelao a propósito da "fluidez" na circulación na glorieta de Rodríguez de Viguri. Sobre a outra, a de Xoán Paulo II, lembrou que permitiu solucionar o problema do cruce existente ata agora, no que confluían ata oito vieiros.

Estas dúas glorietas súmanse a construción do paso inferior do Camiño Francés que xa entrou en funcionamento hai uns meses. En total, o investimento do centro comercial na mellora da mobilidade na zona superou os 3,5 millóns de euros. A edil declarouse "satisfeita" polo convenio entre os promotores e o Concello que permitiu executar estas actuacións.

Os representantes do centro comercial confirmaron que na actualidade seguen as obras e os trámites de obtención de licenzas de primeira ocupación co fin de abrir a superficie a mediados do mes de novembro.

Compartir: