CULTURA

Fanfarlo ofrece o seu único concerto en Galicia dentro do Compostela Rock

15/10/2012 Fanfarlo, o grupo revelación do mellor indie británico, presenta o seu novo disco, Rooms filled with light, o venres 19 dentro do Compostela Rock. Será o seu único concerto en Galicia e a Sala Capitol abrirá as súas portas ás 20:00 horas para que a actuación comece, aproximadamente, ás 21:15 horas.

Fanfarlo é unha das grandes revelacións musicais saídas do Reino Unido o último lustro ("mellor nova banda" de 2009, segundo a revista Paste, por exemplo). Demostráronnolo en directo en repetidas ocasións: en Barcelona na sala Bikini, o último novembro, dentro do 43 Festival Internacional de Jazz da Cidade Condal; en Madrid no Teatro Circo Price, no Día da Música de 2010; tamén en Vigo na edición do Vigo Transforma de hai dous anos...

Encabezando carteis, a pesar de que como quen di acaban de empezar. Non lles veu grande o reto: todos eses escenarios deixaron claro porque tantos medios especializados cualifican a este grupo, que lidera o sueco afincado en Londres Simon Balthazar como a mellor resposta europea a Arcade Fire. Aínda que as comparacións adoiten ser odiosas, non é este o caso, pois sostéñense con cancións e con feitos. Por exemplo, dende o principio nomes con voz e voto, caso de David Bowie, The Independent e a BBC, coparon a súa primeira liña de fans. Sen ir máis lonxe, o autor de Heroes dixo deles: "Teñen unha forma particular para crear música. Elévante, é algo bendito e cunha melancolía deliciosa ao mesmo tempo. Estou seguro de que escoitaremos a miúdo o nome de Fanfarlo" .

Co compás en mans de Balthazar, o quinteto empuxa as guitarras convencionais cara á periferia e cede o paso a un folk-pop orquestrado e luminiscente que seduce aos fans de Belle and Sebastian e Coldplay, mentres suxire como poucos hoxe día a idea do eterno verán. Nese sentido, que caian comparacións que os arriman aos estadounidenses Sufjan Stevens e Beirut forma parte da lóxica. Para máis inri, a inclusión, en 2010, da súa canción "Atlas" na banda sonora da terceira entrega da saga cinematográfica Crepúsculo axudou mesmo a abrir o seu abanico de fans, chegando ata as beiras do mainstream.

Co listón a ese nivel de expectativas, o lanzamento do seu moi esperado segundo disco -cuxa data de publicación atrasouse varias veces-, que terá lugar a finais de febreiro co título de Rooms filled with light, é dende xa un dos highlights discográficos do ano en curso.

As entradas, a 18 euros anticipada e 23 o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en Ticketmaster, Ticketea e A Reixa Tenda

Compartir: