FESTAS

Muchachito Bombo Infierno, Kiko Veneno e Celtas Cortos nas Festas da Ascensión

09/05/2006 O concerto gratuíto de Muchachito Bombo Infierno e de Kiko Veneno o mércores 24 de maio será unha das actuacións máis destacadas das Festas da Ascensión, que se celebrarán do 24 ao 27 de maio. Este evento forma parte dun intenso programa de actividades, que tamén traerá a Santiago un concerto de Celtas Cortos e un festival de hip-hop.

A mistura de rumba e swing de Muchachito Bombo Infierno soará no Campus Sur. Este novo escenario para os concertos é unha das principais novidades desta edición, segundo anunciou o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, na presentación do programa. As actuacións deixan o seu habitual lugar de celebración na Praza da Quintana para achegarse a un lugar próximo á xuventude. Neste sentido, o propio Baqueiro lembrou que "estas son unhas festas orientadas sobre todo aos máis novos". A banda compartirá escenario con Kiko Veneno, que regresa á actualidade co seu novo disco.

Tamén no Campus Sur e tamén con entrada libre serán o concerto de Celtas Cortos o xoves 25, en colaboración cos 40 principais, e o Festival de hip-hop, no que participarán Frank T, Ariadna Puello e Actos Urbanos o venres 26. Tamén no eido da música non faltarán os concertos na Praza do Toural, coas actuacións de Paul Camilleri, Dani Bellón e Diego Maceiras, e Ca lúa; nin os das orquestras no paseo central da Alameda.

Os máis novos terán actividades específicas para eles: teatro no Toural o día 25 e unha festa infantil e de animación na carpa da Alameda ao día seguinte. Tamén os de máis idade terán unha cita, no Recinto Feiral de Amio, para xantar e bailar o día 27 na VIII Festa dos maiores.

No deporte, celebrarase unha nova entrega do Campionato de Chave e a rúa Juan Carlos I vivirá a saída e chegada da carreira ciclista do VII Trofeo Festas da Ascensión. O Mercado Nacional de Gando acollerá unha vez máis o Concurso cabalar e a Praza do Toural o tradicional Día da Muiñeira. O orzamento das Festas deste ano é dun pouco máis de 230.000 euros, 60.000 máis que na pasada edición.

Compartir: