URBANISMO

O Plan Especial da Cidade Histórica será modificado para diversificar os usos comercias e revitalizar a zona vella

15/10/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que o seu Departamento iniciou a tramitación dunha modificación do Plan Especial de Protección da Cidade Histórica co fin de autorizar no seu ámbito usos comerciais exclusivos. Deste xeito, permitiríase un uso comercial máis aló da planta baixa, permitindo determinados negocios que precisan de superficies máis amplas que as dispoñibles actualmente.

Segundo explicou María Pardo, a modificación pretende diversificar os usos comerciais. "Existe o perigo certo de que o centro histórico se converta nunha especie de parque temático no que desapareza a actividade cidadá tradicional, instalándose polo contrario unha oferta hoteleira desproporcionada e tendas estandarizadas de recordos nas rúas máis concorridas", indicou.

Por este motivo e para evitar tamén que desapareza o uso residencial da Cidade Histórica, apóstase por eliminar unha limitación de espazos que propiciaba unha carencia de determinados servizos que polas súas condicións requiren espazos máis amplos. Un exemplo deste tipo de servizos poderían ser os supermercados. Ademais, insistiu, proliferan tendas de recordos que non dan servizo á poboación, senón unicamente aos turistas.

A modificación tamén ten por obxecto evitar a proliferación de edificios baleiros, unha situación agravada pola crise económica e, previsiblemente, pola desaparición, o 31 de decembro de 2014, da chamada "renda antiga", como consecuencia da expiración do prazo establecido na Lei de arrendamentos urbanos.

Estudo sobre tipoloxía de usos
En paralelo á tramitación desta modificación encomendóuselle ao Consorcio de Santiago un estudo sobre a variedade tipolóxica de usos. De aí sairán propostas para lograr unha Cidade Histórica "poboada, activa, dinámica e atractiva tanto para o turista como para o cidadán".

Trátase, en palabras da concelleira, de "potenciar o comercio minorista, a restauración, os servizos hoteleiros e a oferta cultural e de lecer", considerando que estas actividades son as que conducen a unha "rexeneración urbana, económica e social". Neste sentido, anunciou a posibilidade de incentivos fiscais para determinado tipo de negocios co fin de que se instalen na Cidade Histórica. A busca deste equilibrio entre "negocio, lecer e residencia" é o reto máis difícil que presenta a xestión do centro histórico, afirmou María Pardo.

A modificación puntual do Plan Especial será aprobada inicialmente pola Xunta de Goberno e, tras o período de información pública e de resolución de alegacións, será sometida á aprobación final do Pleno municipal. A concelleira estimou nuns catro meses o tempo de tramitación deste cambio normativo.

Compartir: