MEDIO AMBIENTE

Seis composteiros municipais producirán abono natural a partir dos restos vexetais recollidos nas áreas verdes da cidade

15/10/2012 O primeiro composteiro municipal da rede Composteiros de Compostela púxose en marcha na Selva Negra, nun acto presidido pola concelleira de Medio Ambiente, María Castelao. Esta rede permitirá a instalación doutros cinco puntos máis de produción de cómpost libre de produtos fitosanitarios obtido dos restos vexetais recollidos nas tarefas de mantemento das áreas verdes.

Coa creación desta rede de composteiros avánzase de cara a unha xestión máis sostible das zonas verdes compostelás, ao tempo que se reducen os custos derivados do tratamento dos restos vexetais por xestores autorizados externos e da propia xestión das zonas verdes. Cómpre lembrar que o custo de execución desta actuación, 183.858 euros, é asumido pola empresa concesionaria do servizo, Cespa, dentro das melloras incluídas no contrato de concesión.

Ademais do da Selva Negra, ao longo desta semana entrarán en funcionamento os composteiros instalados en Costa Vella, Belvís, Volta do Castro, parque de Carlomagno e viveiro municipal de Lamas de Abade. O obxectivo é que xa se poida obter cómpost nun prazo de catro meses.

Segundo María Castelao, coa creación desta rede de composteiros preténdese "revalorizar as nosas zonas verdes mediante a reciclaxe dos restos que se obteñen de podas e segas das mesmas, contribuíndo a un mantemento máis sostible". Ademais, tal como engadiu Luis Incera, xerente de Cespa, a medida supón un importante aforro, tanto na utilización de abonos como no gasto que suporía o traslado dos residuos a unha planta de tratamento.

A concelleira aclarou tamén que estes composteiros non supoñen un perigo para a seguridade e benestar dos cidadáns, xa que o proceso non implica a aparición de malos olores, ao tempo que se garante a perfecta integración nas zonas verdes da cidade.

Estímase que se produzan anualmente uns 1.500 metros cúbicos –unhas 500 toneladas— de cómpost orgánico, máis sostible que aquel producido de xeito industrial, ao carecer de produtos fitosanitarios.

Traballos na Selva Negra e no Monte de Deus
María Castelao aproveitou a súa presenza na Selva Negra para informar dos traballos que se realizarán ao longo deste ano e do que vén nesta área e no Monte de Deus. Realizaranse tarefas de desbroce e mantemento e, fundamentalmente, reporase unha importante cantidade de árbores que non tiveron un crecemento axeitado.

Compartir: