MEDIO AMBIENTE

As mostras tomadas no vertedoiro de Aríns determinarán o tipo de selado a realizar

10/10/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, reuniuse en Raxoi con técnicos e responsables da empresa Urbaser para falar sobre as actuacións que se están a realizar no vertedoiro clausurado de Aríns. Tras a xuntanza, indicou que avanzan segundo o previsto os traballos, que permitirán a construción dunha franxa perimetral de recollida de pluviais e dun valado, ademais da toma de mostras sobre os residuos alí depositados.

Sobre a franxa perimetral, indicou que xa se desbrozou a gabia e que en breve se procederá á construción da mesma, "fundamental para recoller as augas pluviais e que así non entren ao vertedoiro e se filtren e mesturen cos residuos e vaian ao río". En canto ao valado, pretende evitar que sigan entrando ao vertedoiro persoas non autorizadas.

A concelleira tamén apuntou que o Concello vai realizar un "control exhaustivo" das mostras que se tomarán en catro puntos do vertedoiro, as cales servirán para "determinar cales son os residuos alí depositados e as súas consecuencias. "Dependendo da situación dos residuos e das augas baixo o vertedoiro, teremos que facer un tipo de selado ou outro", indicou.

Tamén afirmou que os resultados permitirán "determinar responsabilidades", explicando que "de axustarse ao vertido de inertes autorizado, o selado sería máis sinxelo que se atopamos, como é previsible, outro tipo de residuos". María Castelao agarda dispor dos primeiros resultados destas análises nun prazo duns dous meses.

Compartir: