COMERCIO

Sorteados os dez cheques agasallo entre os compradores da feira Santiago Stock

10/10/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presidiu o sorteo dos gañadores do concurso do Santiago Stock, que se celebrou no Pazo de Raxoi. Todas as persoas que realizaron algunha compra igual ou superior a 20 euros nalgún dos comercios participantes recibiron un boleto para participar no sorteo de dez cheques agasallo, por un valor de 50 euros, para gastar en calquera dos comercios participantes no evento.

Os números premiados foron: 06354, 14310, 08379, 14932, 06818, 05505, 14338, 05998, 03420, 00042. Os números que quedaron como reservas foron 12312, 02004, 00248, 08319, 12103, 00192, 14384, 05016, 11556, 07228. As persoas gañadoras, terán que presentar o boleto premiado acompañado polo ticket de compra correspondente, nas oficinas da Concellaría de Comercio (Edificio CERSIA Empresa, rúa Alcalde Raimundo López Pol s/n, San Lázaro, Tlf: 981 542 493). Os premios quedarán desertos en caso de que a persoa co número afortunado non apareza antes do día 5 de novembro de 2012 ás 15:00 horas (inclusive).

O primeiro Santiago Stock celebrouse entre o 1 e o 6 de outubro coa participación de 67 comercios. Foi a primeira feira de oportunidades que se desenvolveu non nun lugar común, senón nos propios establecementos, co triplo obxectivo de eliminar os custos de desprazamentos e montaxe dos comercios, limitar a participación aos comercios do Concello de Santiago e fomentar a fidelización, xa que as promocións se facían nas propias tendas.

O proxecto, organizado polo Concello en colaboración coas asociacións comerciais da cidade, Acotes, Compostela Monumental, Santiago Centro, Asociación de Comerciantes do Barrio de Conxo e Asociación Em-Rede, naceu a partires das propostas presentadas polos propios representantes do tecido comercial.

Dende o Concello de Santiago valórase esta primeira experiencia como satisfactoria, posto que permitiu a dinamización do sector comercial e que os comercios puidesen liberar os seus stocks a través dun innovador programa sen precedentes na cidade. Tamén se valora a colaboración e o compromiso amosado polas diferentes asociacións da cidade, que colaboraron conxuntamente nun programa pensado para todo o sector comercial.

A Concellería de Comercio reunirase proximamente coas diferentes asociacións para analizar polo miúdo os resultados do evento e estudar as posibles melloras, en base ao desenvolvemento desta primeira edición, para no vindeiro ano tentar consolidar Santiago Stock como un elemento dinamizador do sector comercial do Concello.

Compartir: