BENESTAR SOCIAL

Festa benéfica en Sar para recadar fondos destinados á asociación Xuntos Podemos

09/10/2012 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, xunto coa coordinadora de Xuntos Podemos, María Castro; e os vicepresidentes do Santiago Futsal, Ramón García e Lalo Froira, presentou a festa benéfica da familia que se realizará o venres 12 de outubro no Multiusos Fontes do Sar.

Con motivo do partido que o Santiago Futsal disputará co Puertollano FS o 12 de outubro (Día do Pilar), ás 18:30 horas, celebrarase unha gran festa orientada á familia e cun compoñente benéfico. Así, buscarase recadar diñeiro para a asociación Xuntos Podemos, cuxo principal obxectivo é axudar ás familias sen emprego e con risco de exclusión social de Santiago de Compostela e arredores.

Para que acuda o maior número de xente posible, e en colaboración coa Concellería de Familia e Benestar Social, instalaranse tres inchables xigantes para que os nenos xoguen dende as 17:00 horas de forma totalmente gratuíta. O mesmo acontecerá coa zona de lecer que organiza en todos os partidos a empresa Planeta Magic. O obxectivo é que se achegue ata Sar o maior número de familias posible nunha xornada festiva e deportiva á vez.

O club porá á venda rifas por valor de 2 euros que entrarán no sorteo dos seguintes produtos: unha cea no Restaurante Calderón; unha sesión no Spa Balneario Compostela; unha celebración dun aniversario para oito nenos en Planeta Magic; unha bandexa de marisco cortesía de Marisco Benavides; unha peza de bacallau de Congelados José Bermudez; un pack de roupa de Lio Lio e merchandising do club. E aínda haberá outras sorpresas por confirmar.

Serán os propios nenos das categorías inferiores do Santiago Futsal os que venderán as rifas entre o público asistente. O obxectivo inicial é recadar uns 1.000 euros para Xuntos Podemos. O sorteo efectuarase no descanso do partido.

Documentos relacionados



Compartir: