ALCALDÍA

Unha comisión de traballo integrada por Concello, Xunta e Fomento activará o proxecto da estación intermodal do Hórreo

08/10/2012 O vindeiro luns, 15 de outubro, constituirase en Madrid unha comisión de traballo integrada por técnicos do Concello, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Fomento, para avanzar no desenvolvemento do proxecto de estación intermodal. Así o anunciaron o alcalde, Ángel Currás, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, tras a reunión mantida entre ambos en Raxoi.

Esta comisión de traballo, segundo indicou o alcalde, avanzará en prol da "mellor solución, que encaixe no Hórreo e resolva os problemas de Santiago, sen ir a grandes proxectos". Nesta liña se pronunciou tamén a ministra, quen apostou por unha estación "ben dimensionada e que resolva as necesidades de intermodalidade".

Ana Pastor insistiu na conveniencia dunha estación que "dea resposta aos cidadáns de Santiago, aos estudantes, á industria e aos visitantes", descartando en todo caso unha "estación faraónica". Sobre este extremo, o alcalde puntualizou que "non se trata de facer unha gran obra arquitectónica con usos hoteleiros e comerciais; hai que ser realistas".

Así, os técnicos desta comisión de traballo serán os que decidan "a dimensión final que queremos que teña esta estación", dixo. Non hai ningunha decisión tomada, engadiu, expresando a súa confianza en que "se é posible, antes de rematar o ano poidamos adxudicar xa a redacción do proxecto".

Na reunión entre alcalde e ministro tamén se abordaron outras infraestruturas, como a do túnel de Conxo, a propósito da cal Ángel Currás indicou que "estudaremos fórmulas para axilizalo". Ana Pastor dixo coñecer esta necesidade pero, aludindo á menor achega orzamentaria para o proxecto nos orzamentos de 2013, apuntou que "ata que non paguemos todas as débedas, as obras en marcha terán que ir a un ritmo menos rápido que ata agora". De feito, recalcou, o Ministerio "debeu rescindir moitas obras en España".

Seguindo cos investimentos de Fomento, a ministra tamén lembrou que en 2013 se rematará a obra do Mercado de Abastos. A propósito deste e doutros investimentos, o alcalde agradeceu "o compromiso da ministra coa capital de Galicia" e anunciou que "non será a última vez que nos visite nos vindeiros meses.

Ana Pastor foi recibida nos soportais de Raxoi por Ángel Currás. Logo, a ministra saudou os voceiros dos grupos municipais e asinou no Libro de Ouro. No encontro tamén participou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

Compartir: