CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio aproba as bases das axudas ao mantemento de edificios e de elementos de madeira

05/10/2012 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presidiu a Comisión Executiva deste organismo. Na reunión aprobáronse as bases do programa de axudas ao mantemento de edificios e de elementos singulares de madeira, que entrará en funcionamento proximamente.

Estas axudas estarán destinadas ao mantemento ordinario dos edificios da Cidade Histórica relacionados coa envolvente exterior (fachadas exteriores e interiores, cubertas, canlóns...) e cos elementos de madeira, tales como galerías, fiestras, portas e escaleiras. Tamén se subvencionarán os honorarios profesionais derivados da redacción do plan de mantemento que se redacta previamente á intervención. As solicitudes poderanse presentar unha vez que estas bases sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

Na mesma reunión tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Fundación Laboral da Construción que vai permitir poñer en marcha un ciclo formativo sobre mantemento e restauración de obras realizadas en pedra natural. Este ciclo nace como unha experiencia piloto relacionada coa posta en funcionamento do futuro Centro de Referencia en Materia de Rehabilitación que o Consorcio vai construír na vella curtidoría de Pontepedriña de Arriba, xunto ao río Sarela, no barrio do Avío. Este curso experimental seguirá o paradigma da formación "dual", o que implica non só a formación na escola, senón tamén, e de forma paralela, nas empresas, de modo que o alumno adquira dende o comezo o seu perfil profesional. Trátase dun sistema no que as empresas teñen un papel moi activo e que permite garantir a súa futura incorporación ao mercado laboral, reducindo os custos de selección de persoal. O curso estará orientado a desempregados e a traballadores do sector da construción.

Compartir: