CULTURA

Regresa Falabaratos con Goyo Jiménez, Ángel Martín, Ricardo Castella, Leo Harlem, David Guapo e Berto Romero

03/10/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación de outubro a decembro do ciclo Falabaratos: monólogos, contos e outros shows. O ciclo trae nestes tres meses ao mellor da escena humorística actual á nosa cidade. Así, teremos a Goyo Jiménez; Ángel Martín e Ricardo Castella; Leo Harlem e amigos; David Guapo e Berto Romero. As funcións, sete en total, serán todas no Teatro principal a excepción da de Leo Harlem, que será no Auditorio de Galicia.

O primeiro espectáculo será o xoves 11 de outubro, con Goyo Jiménez, que presenta Al fin solo: el estudio definitivo sobre la singularidad de lo individual en dúas funcións: ás 20:00 e ás 23:00 horas. Coa escusa dunha pretendida e recente separación sentimental, de quedar mergullado nun estado de soidade absoluta, Goyo repasa en Al fin solo os porqués do fracaso do individuo occidental heterosexual á hora de relacionarse entre si, por exemplo o exceso de culturalidade, que nos confundiu, afastándonos do noso lado natural.

O xoves 25 de outubro chegarán a Compostela Ángel Martín e Ricardo Castella co seu espectáculo ‘Nunca es tarde… para hacer tus sueños realidad’ nunha única función ás 21:00 horas. Todos pensamos algunha vez en deixalo todo e facer realidade os nosos soños: esta é a historia de dous idiotas que ademais de pensalo... fano. Ángel Martín (Se lo que hicisteis - La Sexta) e Ricardo Castella (Noche Hache - Cuatro) nun espectáculo-concerto con texto e cancións orixinais, onde tocan e cantan en directo. Unha telecomedia musical para teatro na que facer realidade os teus soños é posible e onde, se estiras os brazos, podes tocar o ceo cos teus dediños.

En novembro a cita é con Leo Harlem e amigos no Auditorio de Galicia, o día 9 ás 21:00 horas. Neste espectáculo, Harlem está acompañado dos seus amigos, tamén grandes cómicos, Dani Delacámara, Sinacio, Sergio Olalla e Sr. Corrales.

Xa en decembro, o día 5, o ciclo volve ao Teatro Principal con David Guapo, que debuta en Galicia estreando o seu novo monólogo titulado Que no nos frunjan la fiesta, unha aposta segura onde o humor, a música e a improvisación mestúranse nun espectáculo único para todos os públicos.

E pecha a programación deste ano Berto Romero,que ofrece en Compostela, o 14 de decembro, a última función de La apoteosis necia. É o terceiro espectáculo teatral que protagoniza Romero coa súa compañía El Cansancio. Trátase dun show de cómico que desprega o inconfundible e persoal humor de Berto ao longo de 90 minutos de monólogos e cancións.

As entradas para todos os espectáculos poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas; na web entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443. As do Auditorio tamén na billeteira do Auditorio, o día do evento, a partir das 18:00 horas.

Compartir: