EDUCACIÓN

O CEIP Apóstolo Santiago acolle un ano máis o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA

03/10/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, e a directora da Fundación Radio ECCA en Galicia, Carmen Dios, presentaron o curso de educación de adultos da Fundación Radio ECCA, cuxas clases acollerá o CEIP Apóstolo Santiago. O obxectivo desta formación é a obtención do título de Graduado en Secundaria, estudando dende a casa e con dúas clases presenciais á semana.

As clases para a preparación da proba libre do Graduado en Educación Secundaria levaranse a cabo os martes e os xoves en horario de 19:00 a 21:00 horas. A presentación do grupo de Santiago realizarase o xoves 11 de outubro, ás 19:00 horas, no Apóstolo Santiago. Nesta sesión, os inscritos poderán formalizar a matrícula e coñecer as características e metodoloxía do curso.

A representante de Radio ECCA agradeceu a cesión da aula e a publicidade desta oferta educativa, cuxa metodoloxía de traballo se basea nun sistema presencial apoiado en tres piares: o material escrito, a clase gravada e a clase presencial.

O alumno recibe un material escrito e 14 CDs coas clases gravadas. Unha vez escoitadas as clases semanais e cuberto o material escrito, asiste a catro horas semanais de clase. Alí acláranse dúbidas e realízanse exercicios de repaso.

A matrícula para as probas libres que realiza a Xunta de Galicia ten dúas convocatorias, en xuño e en setembro. No último proceso de matrícula inscribíronse 40 alumnos e alumnas de Santiago, dos que o 60% superou a proba.

O exame para a obtención to título na ESA prepárase a través de tres ámbitos: científico tecnolóxico (matemáticas, ciencias naturais e tecnoloxía); sociedade (xeografía, historia, arte e música); e comunicación (lingua galega, lingua castelá e unha lingua estranxeira). É necesario superar os tres ámbitos no exame.

Radio ECCA
A Fundación, sen ánimo de lucro, naceu en Canarias e está en Galicia dende hai 40 anos. Dispón dunha rede de centros de educación permanente para adultos nas principais cidades de Galicia.

Compartir: