TURISMO

Satisfacción en Turismo de Santiago polo incremento do número de peregrinos nos primeiros nove meses de 2012

02/10/2012 Tras coñecer os datos de chegada de peregrinos no mes de setembro e o acumulado do ano 2012, ofrecidos pola Oficina do Peregrino, a concelleira de Turismo, Reyes Leis, expresou a súa satisfacción polas cifras, que reflicten un crecemento do 5% respecto a setembro do pasado ano. No conxunto de 2012, xa chegaron a Compostela 7.000 peregrinos máis.

En setembro rexistráronse 27.318 peregrinos, dos cales 12.235 eran españois e 15.083 estranxeiros. No mes de setembro de 2011 chegaran 26.022 peregrinos, polo que se rexistra un crecemento do 5%. Por procedencias, baixa lixeiramente o número de peregrinos españois, xa que en setembro de 2011 foran 12.567, e soben os internacionais, ata os 13.455 peregrinos.

No conxunto do ano xa chegaron a Compostela 168.678 peregrinos, uns 7.000 más que en 2011 por estas mesmas datas. Un dato interesante respecto ao conxunto do ano é que o número de peregrinos nacionais e internacionais é moi semellante. Así, os peregrinos españois foron 85.789 e os internacionais 82.889. Isto supón que o crecemento anual tamén se apoia no aumento do peregrino internacional xa que, por exemplo, a porcentaxe de peregrinos nacionais en 2011fora do 53,35% e o de internacionais do 46,65%.

Segundo salientou Reyes Leis, un dato que amosa a universalidade do Camiño e a súa potencialidade para múltiples mercados é que houbo peregrinos de 152 países distintos. Moitos, loxicamente, presentan cifras residuais, peros nestes nove meses de 2012 xa hai 18 países que superaron os mil peregrinos. Estas cifras reflicten que, nestes países, hai xa un importante coñecemento do Camiño de Santiago.

Compartir: