ALCALDÍA

O alcalde valora que os orzamentos do Estado para 2013 manteñan os compromisos cos proxectos da cidade

01/10/2012 Na súa primeira valoración dos orzamentos do Estado para 2013, o alcalde compostelán, Ángel Currás, expresou a súa satisfacción polo feito de que o Goberno central "manteña os seus compromisos con Santiago" nestes momentos de "especial dificultade". "Todos desexariamos máis, pero o escenario económico non o permite", dixo.

Proxectos como a depuradora da Silvouta (500.000 euros), o túnel de Conxo (100.000 euros) ou a duplicación da ponte de acceso ao polígono do Tambre (50.000 euros) atópanse recollidos nos orzamentos, o cal, segundo o alcalde, "garante que se poidan continuar estas infraestruturas e non queden relegadas malia as dificultades económicas". Así, no caso da EDAR, Ángel Currás, afirmou que os 500.000 euros previstos permitirán iniciar as obras no segundo semestre de 2013 para así poder dispor dos fondos comunitarios.

O rexedor amosouse especialmente satisfeito pola partida de case 5,2 millóns de euros para o Consorcio de Santiago. Neste sentido, comparouna coa achega de 1,7 millóns de euros que se lle asignou aos consorcios de Cuenca e Toledo.

Entre as partidas previstas nos orzamentos estatais para Santiago, que suman uns 20 millóns de euros, están tamén incluídos 10,7 millóns de euros para o aeroporto de Lavacolla e case 1,1 millóns de euros para a praza de Abastos.

Finalmente, o alcalde referiuse ao compromiso do Goberno central con outras infraestruturas de transportes con incidencia directa na cidade, como o AVE ou a autoestrada entre Lugo e Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: