COMERCIO

Sesenta e sete comercios participan no primeiro Santiago Stock

01/10/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou o primeiro Santiago Stock, O teu punto de encontro aos mellores prezos, que se celebrará durante toda a primeira semana de outubro. A concelleira estivo acompañada de representantes das asociacións comerciais da cidade: Compostela Monumental, Santiago Centro, Esperta Conxo e Em-Rede.

Santiago Stock, promovido polo Concello e o sector comercial de Santiago, será a primeira feira urbana de oportunidades onde os comercios participantes poderán liberar os seus stocks, ofertando os mellores produtos aos mellores prezos, pero nas súas propias tendas, evitando así custes de desprazamento. Segundo a concelleira, este formato de feira pretende "facilitar a participación e fidelizar clientes".

Nesta primeira edición participarán 67 comercios de toda a cidade, que poderán fixar as súas promocións. Estímase que en función das tendas e dos produtos, poderá haber descontos superiores ao 50%. Ademais, para dinamizar o consumo por cada compra superior aos 20 euros nun comercio entregarase un boleto para participar no concurso de 10 cheques agasallo por un valor de 50 euros para compras en calquera dos establecementos participantes.

Os comercios participantes en Santiago Stock identificaranse cun vinilo coa imaxe do evento. Durante toda a semana repartiranse folletos na rúa para informar sobre o evento. Tamén se poderán recoller na oficina de información de Turismo de Santiago. Ademais, toda a información está dispoñible en www.cersiaempresa.org, onde tamén se poden consultar os 67 establecementos participantes.

Santiago Stock naceu do intercambio de ideas entre o Concello e as diferentes asociacións comerciais da cidade, que tiñan amosado en diferentes ocasións a súa oposición á celebración dun oulet nun espazo na periferia da cidade. As dúas alternativas que se forularon foron a celebración dun evento nun espazo céntrico con carpas ou a organización dunha feira de oportunidades nos propios establecementos. Finalmente, de acordo co tecido comercial, optouse por esta última modalidade, por dous motivos fundamentais: por unha banda, supón un aforro de desprazamento, montaxe e aluguer de espazo para os comercios e, por outra, fomenta a fidelización, posto que os clientes visitan os propios establecementos.

Direccións relacionadas



Compartir: