ALCALDÍA

Homenaxe en Lavacolla a José Mosquera Pérez, "O vello dos contos"

30/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu, xunto cos concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e de Medio Rural, Luis Bello, ao acto de homenaxe a José Mosquera Pérez, "O vello dos contos", celebrado en Lavacolla.

Alí en Lavacolla, de onde fora veciño José Mosquera Pérez, a sua filla descubriu unha placa en honor ao seu pai e presentouse o libro O vello dos contos. Os asistentes puideron escoitar a gravación dun dos discursos radiofónicos do homenaxeado e Víctor Freixanes leu un dos contos orixinais deste profesor galeguista que popularizara o personaxe de "O vello dos contos" na emisora compostelá Unión Radio Galicia (1932-1936). Tamén destacou polo seu esforzo en recuperar a figura de Rosalía de Castro, promovendo o seu Padroado, que chegou a presidir.

Durante o acto, a filla, os netos e os bisnetos do homenaxeado entregaron dous retratos de José Mosquera á Asociación de Veciños Ruta Xacobea, que os colocarán no local social da parroquia de San Paio de Sabugueira.

José Mosquera Pérez (Enfesta, 1895 –Santiago de Compostela, 1965) xa conta cun busto de bronce nos xardíns que levan o seu nome en Pelamios. A escultura foi realizada por Fernando García Blanco e inaugurada en xaneiro de 1995.

Compartir: