TURISMO

Incolsa e o Xacobeo acordan financiar a participación compostelá nas ‘Cidades Santas’

08/05/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, asinaron un convenio de colaboración para a promoción de Santiago de Compostela no marco da rede "Cidades Santas", á que pertencen tamén Roma e Xerusalén. Este proxecto potenciará á cidade a nivel internacional como destino turístico.

O convenio de colaboración entre a empresa municipal de turismo o Xacobeo foi asinado o luns, 8 de maio polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco.

O propósito do acordo é impulsar a promoción de Santiago de Compostela no marco das ‘Cidades Santas’, unha iniciativa de Turismo de Santiago presentada o pasado mes de decembro.

O proxecto ‘Cidades Santas’ naceu entón para potenciar o eixo cultural e relixioso formado por Santiago, Roma e Xerusalén, que son á vez Cidades Patrimonio da Humanidade da UNESCO e grandes destinos de peregrinación.

O convenio asinado por Sánchez Bugallo e Blanco permitirá cubrir na súa totalidade o orzamento do proxecto para 2006, que ascende a 168.920 euros, grazas ao aporte de 90 mil euros do Xacobeo e máis de 78 mil euros de Incolsa.

Promoción e conservación dos destinos
Entre as tarefas asumidas pola rede ‘Cidades Santas’ atópanse propiciar o uso sostible do patrimonio cultural e relixioso, conciliar a actividade relixiosa, cultural e turística coa actividade cidadá e promover a nivel internacional as cidades e os seus territorios como destinos turísticos.

Neste senso, o proxecto avaliará nas tres cidades de peregrinación políticas relacionadas co patrimonio, conservación e usos turísticos; e elaborará un plan de desenvolvemento turístico e urbano para conservar os cascos históricos, mellorar a mobilidade e calidade de vida do residente, alongar a estancia media do turista e reducir a contaminación ambiental e acústica.

O orzamento de 168.920 euros destinarase ao rexistro da marca, a elaboración da candidatura do grupo ao proxecto europeo ‘Euromed Heritage 2006’, edicións de trípticos en inglés, español, italiano e hebreo, e presentacións profesionais en Roma ou Xerusalén e en Madrid, entre outros.

Compartir: