NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O programa "Galego de cine" ensina aos máis pequenos as claves da linguaxe audiovisual a través do noso idioma

26/09/2012 A caravana de Galego de cine estará en Santiago de Compostela o venres 28, de 18:00 a 20:00 horas na praza do Toural. Os máis pequenos poderán así visionar 12 curtametraxes en galego e converterse en pequenos cineastas.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou no Concello este Galego de cine, actividade incluída no programa FalaRedespromovido dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través a Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello de Santiago. Recordando as verbas de Álvaro Cunqueiro desexando "mil primaveras máis para a nosa lingua", a edil convidou as familias a achegarse ata o Toural para gozar desta actividade.

Os pequenos poderán subirse á caravana para ver curtas en galego e participar nun obradoiro audiovisual no que aprenderán facer o seu propio filme. Este taller desenvolverase na Fundación Eugenio Granell.

Máis de 20.000 nenos e nenas participaron xa nesta actividade, que volve de novo a Compostela. A importante acollida e a experiencia vivida polos rapaces foi considerada como "moi gratificante" polo responsable de Mr Misto Films, Xoán Mariño. Así o ratificou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a propósito dun programa "concibido para chegar case a calquera lugar de Galicia". Estas proxeccións –dixo- contribúen a que os nenos vexan o galego como "unha oportunidade".

Unha caravana convertida en sala de cine
Galego de cine está a levar unha pequena caravana polas localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, proxectando curtas de animación en galego para nenos e nenas de 6 a 12 anos. A caravana reconvertida en cinema dálle acubillo á xente máis miúda da casa para entreterse e para aprender cunha ducia de curtametraxes en galego, escollidas previamente na súa carteleira. É o "revisor das palabras", condutor da actividade, o encargado e introducilos nunha serie de dinámicas orientadas a comprender a linguaxe audiovisual mediante a interactuación en galego. A sesión remata co salto á fama dos asistentes, que participan nun vídeo-matón para confeccionaren unha curtametraxe colectiva.

Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube de Galego de cine. Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de chumbo.

Direccións relacionadas



Compartir: