CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugurada a Semana Cultural da Rocha, dedicada nesta ocasión ás artes gráficas

25/09/2012 Do 25 de setembro ao 2 de outubro, celébrase a VIII Semana Cultural, dedicada nesta ocasión ás artes gráficas. Exposicións, obradoiros, visitas guiadas ou a festa en honor a Santa Eufemia conforman o programa desta edición. O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurou esta Semana Cultural. No acto tamén participaron o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya.

O obxectivo desta VIII Semana Cultural é dar a coñecer a historia da imprenta. A través de actividades diversas como una exposición de artes gráficas, visitas guiadas á sección de artes gráficas do Museo do Pobo Galego, obradoiros de impresión dun libro e de caligrafías antigas, actividades lúdicas, mostra de danzas do mundo, e mesmo a presentación dun libro, o centro da Rocha acolle unha completa programación para os veciños e para todos os composteláns.

Ademais, durante esta mesma semana, xa dentro do programa Cultura Viva, Fai túa Compostela, desenvolverase unha nova ruta didáctica, nesta ocasión, polo Castelo da Rocha. Será o sábado 29 de setembro, a partir das 11:00 horas, con saída do grupo dende a praza de Galicia.

A Semana Cultural coincide tamén coa celebración da Santa Eufemia, polo que a xornada do sábado 29 será especialmente festiva, con sardiñada, misa campestre, danzas e os inchables achegados pola Concellería de Festas.

Documentos relacionados



Compartir: