ALCALDÍA

A piques de rematar o prazo de inscrición na feira de oportunidades "Santiago Stock"

25/09/2012 Entre o 1 e o 6 de outubro, Santiago celebrará a primeira feira urbana de oportunidades Santiago Stock. O teu punto de encontro aos mellores prezos, onde os comercios participantes poderán liberar os seus stocks, ofertando os mellores produtos aos mellores prezos, pero sen saír da súa tenda, evitando así custes de desprazamento. O prazo de inscrición remata o mércores 26 de setembro.

Santiago Stock está organizado pola Concellería de Comercio e as asociacións comerciais da cidade: Acotes, Compostela Monumental, Santiago Centro, Asociación de Comerciantes do Barrio de Conxo e Asociación Em-Rede. O seu obxectivo é dinamizar o pequeno comercio da cidade, ofrecendo aos clientes produtos de stock nas propias tendas, que estarán identificadas coa imaxe do evento.

Entre as persoas que fagan compras neses días sortearanse cheques de compra para gastar nos comercios participantes. Así mesmo, distribuiranse 10.000 bolsas reutilizables coa imaxe do programa ás tendas, para que as entreguen aos clientes que fagan unha compra mínima, ata esgotamento de existencias.

Santiago Stock está aberto á participación de todo o pequeno comercio do concello, asociado ou non. Toda a información para a inscrición, que é gratuíta, atópase en www.cersiaempresa.org. O prazo de inscrición para os comercios remata o mércores 26. Non hai límite de comercios participantes.

Compartir: