CULTURA

Nove novos concertos na segunda parte do ciclo Íntimo&Acústico

25/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a segunda parte do ciclo da Concellaría de Cultura Íntimo&Acústico, que ofrecerá neste cuadrimestre setembro-decembro nove concertos no Teatro Principal e na Zona "C". Despois do éxito de Nacho Vegas, que encheu o Principal o 14 de setembro, teremos a Howe Gelb o xoves 27 de setembro e, xa en outubro, a Jane Joyd e Josele Santiago. En novembro contaremos con Juan Perro, Najwa Nimri e The New Raemon&María Rodés; e xa en decembro vez para Xoán Curiel e Berrogüetto.

Nesta segunda parte do ano teremos un total de nove concertos que abarcan estilos musicais como indie, country, rock, folk, blues ou pop. Na proposta atoparemos figuras destacadas do pop-rock dos anos 80-90 como Juan Perro e Josele Santiago, líderes de Radio Futura e Los Enemigos. Os dous estarán no Teatro Principal: Josele Santiago o 10 de outubro e Juan Perro o 8 de novembro nun concerto en colaboración con Cineuropa.

Tamén estarán no ciclo figuras internacionais como Howe Gelb, líder de Giant Sand, que estará o xoves 27 de setembro na Zona "C", e artistas do pop-rock actual español como Najwa Nimri, versátil actriz e cantante que dará un concerto o 24 de novembro no Principal tamén en colaboración con Cineuropa; ou The New Raemon, catalán que presenta o seu pop-folk o 30 de novembro na Zona "C" xunto a María Rodés, nun proxecto moi especial que fan de modo conxunto e que tamén é en colaboración con Cineuropa.

No ciclo poderemos escoitar a música tamén de tres artistas galegos de diferentes estilos. O 4 de outubro na Zona "C", a cantautora coruñesa Jane Joyd presenta o seu novo disco; os días 11 e 12 de decembro poderemos ver o compostelán Xoán Curiel presentando Novas na Zona "C", un proxecto moi especial que fai nun paréntese do seu actual disco para presentar composicións inéditas que de seguro estarán no próximo CD. E xa no Nadal, poderemos escoitar a Berrogüetto coa súa Xira de andar por casa, a súa primeira xira acústica. Será o 27 de decembro no Teatro Principal.

Venda de entradas
As entradas están todas á venta na billeteira do Teatro Principal que está aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. As da Zona "C" tamén se poden mercar o día do evento na propia Zona "C" a partir das 18:00 horas. Ademais, cada concerto ten outros puntos de venta como poden ser Novagaliciabanco ou A Reixa Tenda, entre outros.

Compartir: