ALCALDÍA

Rusia, un mercado cada vez máis emerxente para Santiago de Compostela

24/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu o embaixador da Federación de Rusia en España, Yuri P. Korchagin. Entre os temas da conversa estivo o auxe que o turismo ruso está a rexistrar en Santiago.

Dende o Concello considérase que o mercado ruso é moi importante por ser un mercado con gran volume de poboación, cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e cun gasto por persoa moi superior á media internacional. O obxectivo é captar a un turista de alto nivel económico para poder aumentar a media de gasto por persoa na cidade.

Consciente desta emerxencia do mercado ruso, Turismo de Santiago participa nunhas xornadas organizadas por Turespaña que se celebran entre o 24 e o 28 de setembro nas dúas principais cidades do mercado ruso, Moscova e San Petesburgo. Nestas xornadas haberá presentacións de diferentes cidades españolas, entre elas Santiago, e reunións con touroperadores e axencias de viaxes.

En base aos datos de crecemento do mercado ruso nos últimos anos, das previsións para os vindeiros e do gasto dos turistas rusos, que é considerablemente superior á media do turista internacional en España, Turismo de Santiago plantéxase coma un dos obxectivos conseguir que a cidade entre nos circuítos dos turistas rusos que visitan España xa que, contra a opinión xeneralizada, estes turistas non só demandan sol e praia senón que cada vez é maior o número dos que buscan cultura e gastronomía.

Unha boa mostra do crecemento do turismo ruso en España e do seu potencial para Santiago é o aumento de peregrinos rusos que se está vivindo nos últimos anos. As cifras absolutas non son aínda moi relevantes, pero o crecemento porcentual indica que hai un potencial moi forte neste mercado. Por exemplo, a 31 de agosto houbo xa un 44% de peregrinos rusos máis que no conxunto do ano pasado e un 278% máis que en todo o 2009, segundo os datos da Oficina de Acollida do Peregrino.

Documentos relacionados



Compartir: