INFRAESTRUTURAS, CENTROS SOCIOCULTURAIS E BENESTAR SOCIAL

O novo centro sociocultural do Romaño incorporará un centro de día

24/09/2012 Os concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya, de Obras e Infraestruturas, María Castelao, e de Benestar Social, Paula Prado, presentaron o proxecto do centro sociocultural do Romaño, infraestrutura incluída no programa Urbana Santiago Norte. A principal novidade do mesmo é que este incorporará un centro de día que funcionará naquelas horas en que o local non teña un uso sociocultural.

Segundo explicou María Castelao, abriuse o procedemento para contratar a obra deste centro sociocultural do Romaño, que ten un orzamento de 775.000 euros máis IVE. Construirase sobre unha parcela de 1.200 metros cadrados, situada na travesa de Vista Alegre, e terá dúas plantas: unha primeira de 628 metros cadrados e a segunda de 321.

O inmoble contará con sala de usos múltiples, biblioteca, aula de informática, aula con cociña, aula individual, despachos e outras dependencias. A previsión é que as obras poidan comezar a finais de ano, tendo en conta que o prazo de execución inicial é de 10 meses. Posteriormente haberá que habilitar unha partida para o mobiliario.

Máis horas de apertura
Apuntou Francisco Noya que, na liña de rendibilizar os centros socioculturais, xurdiu o proxecto aproveitar as horas que en condicións normais permanecería pechado para ofrecer aos veciños do Romaño outro servizo demandado por eles. Así, salvo os centros socioculturais máis grandes, a maioría só pode estar aberto en horario de tarde-noite.

O edil aproveitou a rolda de prensa para anunciar que outro dos centros socioculturais pendentes, o de Santa Marta, poderá abrir as súas portas a finais de ano, unha vez se conclúan os traballos de reurbanización e se dote de equipamento ao centro. Estes dous conceptos, non incluídos no proxecto de construción, supuxeron un investimento a maiores duns 100.000 euros.

Rendibilidade social
Sobre esa idea de facer "máis rendibles socialmente" os centros socioculturais incidiu a Paula Prado, lembrando que cada día hai máis persoas maiores "activas e con gañas de facer cousas". Para elas e tendo en conta o importante número de persoas maiores do Romaño, crearase un centro de día, que funcionará pola mañá e nas horas da tarde previas ás actividades socioculturais.

A concelleira de Benestar Social explicou que as características do novo local se adaptan a esta función de centro de día. A idea é que unha empresa ou asociación dedicada ao traballo con persoas maiores se encargue de realizar as actividades do centro de día, dirixidas a "mellorar a calidade de vida e ao envellecemento activo" deste colectivo.

Este equipamento forma parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Reunión informativa
Os detalles do proxecto seranlles explicados aos veciños do Romaño nunha reunión que se celebrará o mércores 26, ás 20:00 horas, no actual local sociocultural.

Compartir: