CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha exposición conmemora o 250 aniversario do nacemento de Mozart

05/05/2006 Cúmprense 250 anos do nacemento de Mozart e o Concello de Santiago tamén o conmemora coa exposición "Mozart e o mundo da música". A mostra, organizada polo Departamento de Centros Socioculturais e a Editorial Everest, estará no Centro Sociocultural das Fontiñas do 5 ata o 30 de maio.

A exposición, que pretende homenaxear ao xenial compositor e achegar a mozos e adultos ao mundo da música, consta de 15 paneis didácticos. Unha parte dos carteis tratan a vida e obra de Mozart: biografía, obras, composicións máis significativas, curiosidades, personaxes contemporáneos, usos, costumes e acontecementos relevantes no século XVIII. Outros abordan aspectos xerais da música: diferentes tipos de instrumentos e voz, conceptos musicais, historia e estilos do século XX.

De xeito paralelo desenvolveranse obradoiros didácticos dirixidos a escolares de primaria, ademais dunha experiencia interactiva aberta a todo o público. Nesta actividade invítase ao público a expoñerse á audición de fragmentos de pezas musicais de W. A. Mozart e, simultaneamente, á proxección de imaxes pictóricas de Kandinsky. Durante este proceso, recóllense, mediante un pulsómetro, os rexistros do pulso cardíaco de participante. Deste modo poden visualizarse os cambios físicos provocados durante a experiencia.

A mostra inclúe a distribución entre colexios e grupos visitantes de material didáctico (libros e CD interactivo) editado especialmente para a ocasión.

Compartir: