NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello colabora un ano máis no concurso de redacción "Falemos da nosa historia", do CEIP López Ferreiro

21/09/2012 O CEIP López Ferreiro, coa colaboración da Concellaría de Educación e Normalización Lingüística, convoca un ano máis o seu concurso de investigación e redacción Falemos da nosa historia, certame dirixido a escolares do 3º ciclo de educación primaria e do 1º ciclo da ESO de calquera centro de Galicia.

Esta novena edición organízase arredor do lema "A gavilla de Pepa a Loba", motivo que os participantes terán que desenvolver nos seus traballos cunha extensión máxima de tres folios. As redaccións, que terán que realizarse en lingua galega, poden acompañarse tamén de ilustracións gráficas e deberán presentarse baixo pseudónimo e acompañadas de plica.O prazo de entrega dos traballos vai do 1 ao 28 de febreiro de 2013 e terán que enviarse, consonte as bases, ao CEIP López Ferreiro, indicando que van dirixidos ao Concurso Falemos da nosa historia.

O xurado, composto por persoeiros de recoñecida traxectoria no eido das humanidades, poderá outorgar tres galardóns que se acreditarán mediante un diploma. Os premiados recibirán tamén unha cerámica e os agasallos cos que colaboran o Concello de Santiago é as Fundacións Nova Caixa Galicia e Barrié de la Maza. O traballo seleccionado co primeiro premio será publicado na revista do centro.

Documentos relacionados



Compartir: