CULTURA

Santiago de Compostela recibe a IX Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

19/09/2012 A IX edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico abre a súa exposición en Santiago de Compostela o mércores 19, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego. No acto inaugural estarán presentes a subdirectora do Museo do Pobo Galego, Mª Xosé Fernández, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou.

A Bienal é un acontecemento artísticos de primeira magnitude que ten como obxectivo o impulso e a promoción dos novos creadores da Eurorrexión. Con 15 anos de historia, é unha das primeiras iniciativas da entidade transfronteiriza do Eixo Atlántico. Ademais, constitúese como a única é máis antiga exposición en Europa de carácter itinerante que se desenvolve en dous países. Nesta última edición concorreron cerca de 200 obras, das que foron elixidas trinta que forman parte da IX Bienal, que comezou a súa andadura en Carballo en febreiro de 2011 e finalizará a itinerancia en Ribeira o 31 de decembro de 2012.

A Bienal concedeu un premio "Eixo Atlántico" á mellor obra do certame, cun valor de 3.000 euros a pontevedresa Monserrat Frieiro Dantas e dous segundos premios de 1.500 euros cada un, á mellor obra de autor portugués, Miguel Vasconcello, e á mellor obra de autor galego para Joseba Muguruzábal Pérez. Igualmente concedeuse o premio "Jovens Talentos Luso – Galaicos", que recaeu na galega Raquel Iglesias Gándara, premio dirixido aos novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos cun valor de 1.500 euros.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo 30 de setembro, no claustro do Museo do Pobo Galego no seguinte horario: de martes a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.

Fortalecer lazos
"Realmente, como se constrúe o futuro é con actividades coma esta. É imposible crear una Eurorrexión sen a cultura, o deporte ou os movementos sociais", lembra o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, tras destacar que a Bienal é a mellor mostra de que "traballando todos xuntos, man con man, se poden conseguir os obxectivos". Algúns dos creadores premiados nas convocatorias precedentes son, hoxe en día, creadores recoñecidos, como no caso do propio presidente do xurado de esta edición, Xosé Luís Otero.

A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico é desenvolvida pola colaboración entre o Eixo Atlántico, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, Caixanova, a Fundação da Juventude, o Instituto Português da Juventude e todos os concellos das cidades que conforman o Eixo.

Compartir: