CULTURA

Trinta e sete funcións no programa de Teatro&Danza de setembro a decembro

19/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do ciclo Teatro&Danza para este cuadrimestre setembro-decembro. En total serán 37 funcións de 18 propostas teatrais diferentes que se poderán ver no Teatro Principal e na Zona "C".

Tras o éxito do Circo Acrobático Nacional de Pequín que xuntou preto de 1.400 persoas no Auditorio de Galicia o 1 de setembro e a estrea absoluta de Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes na Zona "C" o pasado fin de semana, presentouse agora o conxunto da programación de Teatro&Danza para este cuadrimestre. Comezando polo Teatro Principal, chegan a Compostela nesta programación interesantes producións do teatro nacional. Este mesmo xoves 20 temos Ceniza, de José Pascual Abellán. Dirixida por Lluís Elías e polo propio José Pascual Abellán, está protagonizada por Guillermo Montesinos e Antonio Campos. O domingo 23 chegan Enrique Sanfrancisco e Cristina Gallego con Se quieren, de Muriel Robin e Pierre Palmade, dirixida por Gabriel Olivares.

En outubro, os días 27 e 28, os madrileños Teatro Meridional presenta na cidade Calisto, de Julio Salvatierra. Protagonizada por Álvaro Lanvín, está dirixida por Miguel Seabra. E xa en decembro, o día 19, teremos de novo á exitosa compañía Animalario con El Montaplatos, de Harold Pinter, protagonizada por Guillermo Toledo e Jesús Barranco, que estarán baixo a dirección de Andrés Lima.

Dentro da programación de teatro galego destaca a estrea absoluta da nova produción de Excéntricas-Mofa e Befa, Románticos. Será os días 31 de outubro e 1, 2, 3 e 4 de novembro cando poderemos ver esta obra dirixida por Quico Cadaval e Xan Cejudo e con Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval e Piti Sanz sobre o escenario.

Ademais, teremos a presentación de A función do tequila, de Manuel Guede, os días 26 e 27 de setembro. Teatro do Morcego presenta esta peza dirixida por Antonio Simón con Manuel Manquiña, Santiago Fernández, Luisa Merelas e Elina Luaces. O 28 de setembro poderemos ver unha das propostas do teatro máis experimental: Teatro Ensalle presenta Miniaturas, de Pedro Fresneda, con Raquel Hernández, Artús Rei e Jorge Rúa.

Xa en decembro, Teatro Proscrito presenta Rosa de dous aromas, de Emilio Carballido, con Isabel Blanco e Sabela Hermida dirixidas por Lino Braxe. O 12 deste mesmo mes teremos Gharbo!, proposta de teatro e danza da compañía Contra2 en colaboración co Centro Coreográfico Galego. Composta por Nelson Quinteiro e con coreografía de Iván Villar.

Este ano haberá unha colaboración especial coa Escola Internacional da Comicidade. Dentro desta colaboración estará Los habitantes de Arlequinia, de Claudia Contin, do Teatro Tascabile (Bergamo), dirixida por Ferruccio Merisi, o 9 de outubro.

Teatro na Zona "C"
E xa na Zona "C", onde se presentan propostas diferentes e orixinais adaptadas ao espazo que ofrece este recinto, teremos a segunda das colaboracións coa Escola Internacional da Comicidade: Belén Gordillo, Nenacaracol" presenta Contratiempos os días 24 e 25 de outubro. Tamén na Zona "C", o Colectivo as Churras pon en escena A Triloxía: Clitemnestra-Electra-As Furias, que poderemos ver os días 12, 13, 14, 19, 20, 21, 26, 27 e 28 de outubro.

Teatro infantil e familiar
Péchase a programación cunha pequena sección dentro do ciclo de Teatro&Danza denominada Infantil e Familiar. O 10 de novembro, na Zona "C", Babaluva presenta dúas sesión de Cama e conto, de Gonzalo Moure, adaptado e traducido por Gabriel Penabade. O 15 de decembro Elefante Elegante presenta Nuncabunga e o 16, Pistacatro ofrece Ringo Rango, ambas no Teatro Principal. Pechamos a programación do ciclo con A folla máis alta, de Paula Carballeira, que pon sobre o escenario do Principal Berrobambán o 22 de decembro. Nas catro propostas de Infantil e familiar hai opción de mercar catro entradas polo prezo de tres para facilitar que as familias asistan aos espectáculos.

As entradas para as funcións poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Para os espectáculos da Zona "C" poden mercarse tamén na propia Zona "C" e haberá algúns espectáculos para os que tamén se poderán mercar na web e o teléfono de Novagaliciabanco.

Compartir: