EMPREGO

A Axencia Local de Colocación colaborará con Primark na colocación de máis de cen mozos e mozas composteláns

19/09/2012 A cadea téxtil Primark ten previsto contratar para a súa nova tenda do Centro Comercial As Cancelas a máis dun centenar de mozos e mozas composteláns aos que lles guste a moda. Así o asegurou a directora de Recursos Humanos de Primark Iberia, Juana Rodero, ao remate da reunión que mantivo coa concelleira de Emprego, Paula Prado.

A Axencia Local de Colocación colaborará no proceso de selección dos máis de 100 traballadores que Primark demanda para abrir o seu novo establecemento. Esta cooperación esténdeste tanto ao referido á captación e recrutamento de candidatos como á posta a disposición de instalacións para a realización das probas de selección.

A concelleira de Emprego salientou o feito de que unha cadea multinacional como Primark "se teña fixado en Santiago para establecerse", o que significa, ao seu xuízo, que a cidade é capaz de xerar emprego. Ademais, destacou o compromiso de Primark coa responsabilidade social corporativa.

Pola súa parte, Juana Rodero agradeceu a colaboración e o apoio recibido de Paula Prado e do Concello de Santiago.

Compartir: