CULTURA

Roderick Williams, Asmik Grigorian e Christoph Prégardien no XIII Ciclo de Lied

18/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do XIII Ciclo de Lied. Nel estarán o barítono Roderick Williams, a soprano Asmik Grigorian e o tenor Christoph Prégardien acompañados ao piano, como é habitual no ciclo, por Roger Vignoles. Os concertos celebraranse respectivamente os días 21, 25 e 29 de setembro no Teatro Principal a partir das 21:00 horas.

Dende o ano 1999, o Concello de Santiago e a Asociación Galega de Lírica presentan en setembro en Santiago de Compostela este ciclo, único en Galicia e mesmo en España, que se caracteriza pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara. Nesta edición, a XIII o tema é "Amor sen fin. Johannes Brahms e outros…".

O cartel do ciclo está cheo de cantantes de sona no panorama da lírica internacional. Ao longo destes doce anos pasaron polo Teatro Principal figuras e especialistas de recoñecido prestixio como Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Measha Brueggergosman, Werner Güra, Sandrine Piau, etc. Peza angular desta programación é un dos grandes e máis recoñecidos especialistas no xénero, o pianista inglés Roger Vignoles, que é codirector artístico do Ciclo de Lied compostelán.

O venres 21 de setembro poderemos escoitar a Roderick Williams cun programa íntegro de Johannes Brahms. En concreto escoitaremos as quince romanzas do seu ciclo de cancións opus 33 compostas a partir da novela curta de Ludwig Tieck titulada Die schöne Magelone (A fermosa Magelone), pezas que se interpretan en moi contadas ocasións.

O segundo concerto será o martes 25 e nel Roger Vignoles estará acompañado no escenario pola soprano Asmik Grigorian. O recital estará integrado por unha selección de obras de Chaikovski e Rachmaninov; ademais de por un trío de pezas da Lituania natal de Grigorian, compostas por Komitas Vardapet, Balys Dvarionas e Juozas Tallat-Kelpša.

Pon o broche de ouro a esta edición o concerto con Christoph Prégardien o sábado 29 de setembro. Nel escoitaremos as seis versións musicadas de Heine por Mendelssohn; as seis versións de Schulze musicadas por Schubert; unha serie de cancións de Brahms; e finaliza con cinco cancións características de Gustav Mahler.

As entradas poden mercarse en entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 43 44 43, así como na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. O prezo é de 8 euros para as entradas soltas e de 18 euros o abono para os tres concertos.

Documentos relacionados



Compartir: