FAMILIA

Benestar Social duplica a partida de becas de comedor para atender as necesidades das familias máis necesitadas

18/09/2012 A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, deu conta do incremento do incremento da partida de MAPIS (Manutención, Aloxamento, Promoción e Inserción Social) e, en particular, da destinada a becas de comedor. Así, dunha partida prevista inicialmente para o curso 2012-2013 de 70.000 euros, pásase a unha de 138.000 euros. Deste xeito poderán atenderse as solicitudes para 219 nenos e nenas de familias con baixos recursos económicos.

Explicou a concelleira que o paso previo para poder incrementar esta partida foi a modificación das bases, introducindo unha cláusula que permitise este aumento da partida sen ter que iniciar todo o procedemento, cos seus conseguintes retrasos, tal como sucedía ata agora. Así, no curso anterior, 19 posibles beneficiarios quedaron fóra por non existir crédito orzamentario.

Segundo Paula Prado, coa mesma partida, o número de beneficiarios que quedarían fóra neste curso 2012-2013, á vista do incremento do número de solicitudes, sería de 102. Por iso, decidiuse utilizar unha partida dispoñible de 100.000 euros –pensada inicialmente para axudas para pagar o IBI tamén para familias necesitadas- para incrementar a partida de 240.000 euros prevista para as MAPIS ata os 340.000.

Así, sumados 68.000 euros á partida existente para becas de comedor, atenderase as 219 solicitudes presentadas, non quedando listas de agarda entre os que cumprían os requisitos. No curso 2011-2012 foran 117 as solicitudes atendidas.

O resto da partida a maiores das MAPIS destinarase a axudas para aloxamento e manutención, "algo que nos vén moi ben, porque xa case tiñamos tamén esgotada a partida", apuntou a concelleira. A propósito de todas estas axudas de emerxencia, lembrou o incremento de solicitudes que se ten producido como consecuencia da crise económica.

Documentos relacionados



Compartir: