ECONOMÍA

Santiago de Compostela, concello pioneiro na defensa da propiedade industrial e na loita contra as falsificacións

18/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Curras, e o director xeral da Asociación Nacional para a Defensa da Marca (ANDEMA), José Antonio Moreno Campos, asinaron un convenio de colaboración para mellorar o coñecemento, a formación e a sensibilización dos dereitos de propiedade industrial, con especial relevancia das marcas e do comercio local. Santiago é o primeiro concello de España que se suma a esta iniciativa.

Ángel Currás destacou a necesidade de "loitar contra as falsificacións e defender a propiedade industrial", porque supón "defender os consumidores e os empresarios". Poñendo como referencia o propio caso de Santiago, incidiu no prexuízo que para o comercio supoñen as marcas falsificadas.

Nesta mesma liña se pronunciou José Antonio Moreno, apuntando que "poñerse do lado dos comerciantes é apostar pola riqueza de todos". Por iso felicitou ao Concello por ese "primeiro paso adiante na loita contra as falsificacións". Xunto o alcalde e o director xeral de ANDEMA participou no encontro a concelleira de Economía e Comercio, Reyes Leis.

O convenio, sen contido económico, permitirá impulsar accións publicitarias e formativas en prol da difusión dos beneficios da propiedade industrial. Estarán dirixidas a forzas e corpos de seguridade locais, empresarios, consumidores e integrantes do Poder Xudicial.

Tamén se contemplan actividades de apoio e formación de pequenas e medianas empresas, a difusión de publicacións ou campañas de comunicación e sensibilización. Entre outras posibilidades, fálase da posibilidade de celebrar en Santiago a próxima edición do Día Mundial Antifalsificación.

Documentos relacionados



Compartir: