CULTURA

Estrea de "Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes" na Zona "C"

14/09/2012 A programación do ciclo Teatro&Danza continúa despois da proposta do Circo Acrobático Nacional de Pequín e agora ofrécenos a estrea de Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes. Con textos de Clara Gaio, está dirixida e protagonizada pola propia Gaio, ademais de por Rula Blanco e Rocío González. Representarase en tres funcións na Zona "C" o venres 14 e o sábado 15, ás 20:30 horas, e o domingo ás 19:30 horas. As entradas, a 8 euros, poden mercarse desde na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas e os días de espectáculo tamén na propia Zona "C".

Queda terminantemente prohibido sufrir nas paredes non é unha proposta teatral no sentido estrito, xa que non pretende recrear unha ficción nin a interpretación actoral se orienta á exposición dunha trama ou á descrición duns personaxes, así que, neste sentido, a proposta podería achegarse máis a "performance", polo que ten esta de inmediata e adaptable. A liña de investigación seguida neste proxecto comezou coa idea de achegarse ao mundo das prisións. O punto de partida actoral foi traballar sobre as sensacións tanto corporais como emocionais da vivencia do encerro en si, pero ao longo do proceso e a medida que o texto ía construíndose, a prisión tomou corpo metafórico e ampliouse para aludir tamén a todas as outras prisións, cotiás e normalizadas, que padece o ser humano.

No espazo común, tres mulleres e tres discursos. Corpo e texto para unha reflexión sobre o Ben e o Mal, sobre a inocencia e os verdadeiros culpables, sobre destinos escritos nos rexistros da beneficencia, sobre a entelequia da igualdade social. Sobre mulleres no derradeiro escalafón da supervivencia.

Malia o seu carácter performativo, algunhas escenas preséntanse dende unha estrutura dramática máis convencional, evocando situacións concretas dun réxime carcelario, mentres que noutras, ese mesmo discurso contextualízase a calquera outro espazo mais cotiá. Trátase máis ben do intento de "recreación" dunha atmosfera co fin de xerar no público a vivencia, mesmo física, da sensación de encerro. En todo caso, un momento detido para a reflexión, para traer ao presente a evidencia dunha de tantas realidades que agochamos no fluír continuo da nosa apacible cotidaneidade.

A escena baleira, sen elementos que axuden nesta contextualización, intenta aludir constantemente á realidade física dunha cadea, pero sen tratar de reproducila explicitamente, para que sexa precisamente a ausencia de pistas espaciais as que provoquen un sentimento de identificación do público co que está a acontecer na escena. Con este obxectivo, o contacto, a proximidade física coas actrices, é esencial, xa que favorece unha interlocución directa. O baleiro, xunto coa sensación do tempo que pasa, que transcorre inexorablemente cara ningunha parte, debuxan o feble trazo dun futuro inexistente, sen soños e sen obxectivos.

Compartir: