ALCALDÍA

O alcalde salienta a "mestría" e o "maxisterio" impartidos por Jesús Precedo Lafuente e Manuel Sánchez Salorio

14/09/2012 O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto de entrega das Medallas de Ouro da Cidade ao oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio e, a título póstumo, ao que fora coengo e deán emérito da Catedral, Jesús Precedo Lafuente.

Ana Precedo foi a encargada de recoller a Medalla a Jesús Precedo Lafuente, cuxa figura laudou o chanceler do Arcebispado e coengo Elisardo Temperán. Pola mañá, na Catedral, o alcalde compostelán, Ángel Currás, e parte da Corporación realizaran unha ofrenda floral ao homenaxeado.

Logo da interpretación dunha peza de J.S. Bach, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, lembrou os méritos de Manuel Sánchez Salorio. Este recibiu a súa Medalla e un pergamino de honra, que agradeceu ante os aplausos dos congregados no Hostal.

Tras imporse as Medallas, o alcalde pechou o acto lembrando as traxectorias compostelás dos dous homenaxeados e a súa decisiva contribución a que a cidade sexa vista como "unha cidade depositaria dunha formidable tradición xacobea e como unha cidade innovadora e punteira no campo da oftalmoloxía". Segundo dixo, "hai cidades, como Santiago, que resultan agradables para a vida en función do seu clima humano ou intelectual, e a iso contribuíron como poucos Don Jesús e o profesor Salorio".

Para definilos, o alcalde recuperou os conceptos de "maxisterio" e de "mestría", referíndose a dúas persoas que "non só transmiten coñecementos abstractos, senon tamén actitudes e aptitudes", que "estimulan aos demáis" e que "deixan en tanta xente unha impronta única e indeleble". Así, salientou a súa contribución a prestixiar a cidade e cualificounos como "singulares exemplos dunha talentosa humanidade como patrimonio".

Jesús Precedo Lafuente xa conta cunha rúa en Compostela, cidade da que é fillo adoptivo. Agora recibirá un recoñecemento máis a título póstumo co outorgamento da Medalla de Ouro. Nado en 1925 na parroquia de Anceis (Cambre) e falecido en Santiago en febreiro de 2011, Precedo estivo máis de medio século vinculado á Catedral, da que foi cóengo e deán emérito.

Licenciado en Teoloxía e en Ciencias Bíblicas e Diplomado en Filosofía, foi profesor do Instituto Xelmírez e do Instituto Teolóxico Compostelán, e un firme defensor da introdución do idioma galego no ámbito eclesiástico. Ademais da súa traxectoria eclesiástica e académica, é autor de diversas publicacións sobre o Apóstolo ou a Catedral, entre outros temas, e de numerosos artigos. Foi un habitual colaborador en prensa, radio e televisión.

Manuel Sánchez Salorio (A Coruña, 1930), é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, catedrático de Oftalmoloxía e director executivo do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Referente no eido da Medicina, ten sido responsable da formación de numerosos catedráticos de Medicina e oftalmólogo, ademais de director de teses doutorais e autor de numerosos traballos en publicacións científicas. Tamén ten participado en diferentes proxectos de investigación e exercido cargos como o da dirección da Sociedade Española de Oftalmoloxía ou da revista Studium Ophtalmologicum.

Documentos relacionados



Compartir: