TURISMO E CIDADE HISTÓRICA

Unha nova guía convida os visitantes a descubrir "O Santiago oculto dos peregrinos"

14/09/2012 As concelleiras de Cidade Histórica, María Pardo, e de Turismo, Reyes Leis, presentaron unha nova ruta turística baixo o título O Santiago oculto dos peregrinos. Trátase dunha invitación a coñecer aspectos descoñecidos e singulares de 35 lugares da cidade, a través dun plano interactivo en papel ou dunha aplicación para teléfonos móbiles.

Cada un destes monumentos, rúas ou prazas incorporarán unha placa identificativa desta ruta, cunha pequena información sobre o lugar visitado. Ademais, incorporará un código QR, grazas ao cal o visitante poderá obter todos os datos sobre o lugar mediante o seu dispositivo móbil.

O turista terá así a oportunidade de facer un percorrido diferente por Santiago, ligado plenamente ao fenómeno xacobeo e á peregrinación. O itinerario poderá realizarse igualmente seguindo unha guía en papel, da que se editaron exemplares en galego, castelán e inglés. Inclúe un gran mapa coa situación dos 35 lugares a descubrir e unha pequena información de cada un deles. A esta información, ampliada, tamén se pode acceder a través da web www.santiagooculto.com.

Segundo indicou María Pardo, a colocación das placas identificativas terá para o Concello un custo aproximado duns 8.000 euros. Nestes intres estase a estudar en qué material se realizarán as placas, co fin de facilitar tamén o seu mantemento. A previsión é que poidan estar colocadas a principios de 2013.

Futura guía nocturna
Acompañou ás concelleiras na rolda de prensa o técnico Jesús Curros, quen anunciou que xa se está preparando outra ruta deste estilo, neste caso máis centrada no "Santiago misterioso" e pensada para facer de noite.

Compartir: