CULTURA

Doce novos concertos na segunda parte da temporada do Compostela Rock

13/09/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou o programa do Compostela Rock para esta segunda parte do ano. Na primeira, de xaneiro a xullo, foron preto de 5.000 as persoas que asistiron aos 14 concertos celebrados, o cal consolida o ciclo como un dos máis seguidos polos composteláns.

Neste último cuadrimestre serán 14 concertos os que se celebrarán na Sala Capitol e na Zona "C", aínda que Carou xa adiantou que é moi probable que se engadan novos nomes nos vindeiros días. Confirmados xa están: Ana Curra, triCiclo (con Lisabö, Cave e Unicornibot), Fanfarlo, Arch Enemy, W.A.S.P., Cats & Monkeys, Micah P. Hinson, Supersubmarina, Kiko Veneno, The Winning Numbers, Los Enemigos e Los Deltonos.

O primeiro dos concertos será xa o domingo 15 de setembro, na Sala Capitol, con Ana Curra. A cantante de Parálise Permanente fai no Compostela Rock a única presentación en Galicia do seu último traballo, El Acto. O sábado 22 chega a primeira edición do underground triCiclo, dentro do cal poderemos escoitar a Lisabö, Cave e Unicornibot, anunciados por diversos cartaces do deseñador gráfico Andrés Magán. Xa en outubro, o venres 19 chegará ao ciclo Fanfarlo, a revelación do mellor indie británico, que presentarán o seu novo disco Rooms filled with light. O xoves 25 farán o seu debut en Galicia uns grandes do metal nórdico, Arch Enemy, teloneados por Voivod e Titans Eve.

No mes de novembro, abrimos o Compostela Rock cun show especial, a xira 30º aniversario de W.A.S.P., históricos do heavy metal. O martes 14 chegará o soul/funk dos galegos Cats & Monkeys e o domingo 18 presentará o seu novo disco o músico de culto indie Micah P. Hinson xunto a The Juniors Arts Collective. O xoves 22 celebrarase o único concerto en Galicia de presentación do novo disco de Supersubmarina e o venres 23 Kiko Veneno proponnos Échate un cantecito, 20 anos despois. Pechamos novembro o mércores 28 cos galegos The Winning Numbers. Dos concertos de novembro, os de Cats & Monkeys, Micah P. Hinson, Kiko Veneno e The Winning Numbers fanse en colaboración con Cineuropa e estarán relacionados coa programación, algo que segundo anunciou o xerente explicarase polo miúdo un pouco máis adiante, cando se presente o festival.

En decembro, chegará o xoves 13 a Revuelta Enemiga, o retorno máis agardado, o de Los Enemigos; e o xoves 20 teremos a presentación do novo disco duns clásicos do rock nacional: Los Deltonos.

Para todos os concertos poderán mercarse as entradas na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ademais de no lugar do concerto, na Sala Capitol ou na Zona "C". Tamén se venderán entradas por outras canles xa específicas para cada concerto.

Compartir: