XUNTA DE GOBERNO

A Concellería de Participación Cidadá incrementa un 30% a partida para subvencións ás asociacións veciñais

13/09/2012 A Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais correspondentes ao ano 2012, cunha partida total de 72.000 euros. Ademais, adxudicáronse as tres primeiras obras do paquete de actuacións previsto pola Concellería de Barrios.

Segundo explicou o concelleiro de Participación Cidadá, esta partida de 72.000 euros para subvencións veciñais supón un incremento do 30% respecto a 2011. Neste sentido, recordou que a partida fora baixando nos últimos anos, pasando dos 100.000 euros de 2009 aos 55.000 de 2011. Esta suba fora un compromiso asumido por escrito coas entidades veciñais, dixo, resaltando que este incremento nas subvencións se produce nun contexto no que a partida total para a área de Participación Cidadá baixou un 15% nos orzamentos municipais de 2012.

Francisco Noya indicou que as bases experimentaron algunha modificación co obxectivo de simplificalas, evitar a entrega de documentación que xa posúe o Concello e axilizar a tramitación. Lembroulles ás asociacións que, en todo caso, o persoal dos centros socioculturais pode asesoralas en canto á documentación a presentar.

Estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades a realizar polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais vinculados tamén a esas actividades. No exercicio anterior, 47 entidades veciñais pediran estas axudas.

As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abríndose entón un prazo de 20 días naturais para realizar a solicitude da axuda. A Concellería de Participación Cidadá informará ás asociacións da apertura deste prazo.

Obras nos barrios
Por outra parte, adxudicáronse as primeiras tres obras das previstas en 17 barrios da cidade. Así, en breve comezarán as actuacións a realizar en Sar, adxudicadas por 24.535 euros,que afectará á zona de Picaños, á calzada de Sar e á zona recreativa da Colexiata.

Tamén se adxudicou por 40.692 euros a actuación en Quiroga Palacios-Pontepedriña. Aquí traballarase na zona deportiva e parque de León e na explanada do estacionamento, e colocaranse bancos.

Da terceira das obras adxudicadas, por 40.322 euros, beneficiarase o sector de Amio e San Lázaro. Actuarase na pista do Hotel Santiago Apóstolo; nas rúas Mira, Campos e Cubelo, na ruela da Muíña e en Canteira de Arriba.

Cheques para reforma de locais
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de cheques de consultoría para reforma de locais de negocio e implantación de TICS dentro do proxecto Urbana Santiago Norte, por un importe total de 38.000 euros. Repartiranse 39 cheques: 20 para a implantación de TICS e 19 para decoración e interiorismo.

Compartir: