COMERCIO

O Concello organiza dúas accións formativas en colaboración con Compostela Monumental e Santiago Centro

12/09/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, e os presidentes das asociacións comerciais Compostela Monumental, José Manuel Bello, e Santiago Centro, José María Fernández, presentaron dúas accións formativas dirixidas aos comerciantes da cidade, que se organizan dentro do programa do departamento de Economía do Concello, Santiago Investors Support, e que contan coa colaboración de ambas asociacións comerciais.

A primeira acción, Deseño de tendas e presentación comercial no século XXI, celebrarase en colaboración con Compostela Monumental, o 28 de setembro, na sala da Confederación de Comercio de Galicia. O día 29 pola mañá realizaranse seis sesións de asesoría personalizada en comercios de Santiago seleccionados de entre os asistentes ao relatorio do venres.

A presentación, moi visual, estrutúrase en tres partes. Nas dúas primeiras daranse os principios para entender que elementos hai que ter en conta para crear unha presentación comercial atractiva e coherente, así como as reflexións a ter presentes á hora de plantexarse o deseño ou re-deseño dun comercio. Na terceira ensinarase a mirar un espazo comercial dende o punto de vista do cliente, para aproveitar ao máximo os recursos.

A segunda acción celebrarase en colaboración con Santiago Centro, o 4 de outubro, no Hotel Araguaney. Centrarase na xestión dun comercio como unha Peme. O obxectivo é axudar aos comerciantes naquelas áreas que non son propiamente comerciais, pero que son fundamentais en tanto que son pequenas empresas.

Ambas accións son gratuítas e celebraranse ás oito da tarde, para facilitar a asistencia dos comerciantes interesados.

Para máis información pode consultarse a web www.cersiaempresa.org.

Documentos relacionados



Compartir: