EDUCACIÓN

Comeza o curso escolar 2012-2013 na Escola Municipal de Música

11/09/2012 O mércores 12 de setembro iníciase un novo curso na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. Neste exercidio 2012-2013 a EMM incrementa notablemente a súa matrícula, superando xa os 300 alumnos, aínda que non ten finalizado o período de matrícula, que seguirá aberto ata finais de mes.

O plan educativo deste centro estrutúrase en tres etapas: a Escola Infantil de Música, de 3 a 7 anos, onde os nenos e nenas inícianse no mundo da música; o Plan de Estudos Xeral (PEX), que acolle ao alumnado entre 8 e 15 anos; e o Plan de Estudos para Adultos (PEPA).

Para este curso hai que salientar que se amplía o curso de instrumentos para nenos de idades temperás, a partir dos 3 anos, nas especialidades de: trompeta, trombón, contrabaixo, violonchelo, violín e percusión, no que se estima unha matrícula de 40 novos alumnos. Por outra banda, as prazas dispoñibles na especialidade de música e movemento e de iniciación á linguaxe musical están cubertas na súa totalidade.

Tamén cómpre chamar a atención sobre o salto cualitativo que se vai producir neste novo curso escolar no Departamento de Música Tradicional, no que por primeira vez se poñerá en marcha unha orquestra de música tradicional na que participarán 37 membros, que complementa as xa existentes: Banda de Música, Orquestra, Agrupacións de Cámara e Música Moderna.

Compartir: