EDUCACIÓN

Amplíase o prazo de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores

11/09/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, deu conta da ampliación do prazo de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores ata o sábado 15 de setembro. Ata o momento formalizáronse 215 matrículas.

Rebeca Domínguez recomendou ás familias que formalicen canto antes a matrícula, a fin de poder elaborar os menús, sobre todo nos casos en que estes deban ser especiais. Lembrou a concelleira que este é o primeiro ano que o Concello asume a xestión dos comedores escolares, o que permitirá ás familias aforrar un 40% no prezo dos menús de almorzo e xantar respecto a cursos anteriores. "Este ano é máis barato o xantar e o almorzo xuntos do que era só o xantar anteriormente", indicou.

Tamén a propósito do comezo do curso escolar, resaltou a incorporación á oferta de prazas infantís da nova Escola de Salgueiriños, con 123 prazas. Sumadas ás escolas de Conxo e Fontiñas, a oferta municipal de prazas de escolas infantís sitúase nas 249.

Sobre a Escola de Salgueiriños, as prazas aínda vacantes na mesma, explicou que nunha das tres aulas previstas para nenos entre 2-3 anos quedan 16 prazas dispoñibles. A outra aula está pendente do que finalmente decida a Consellería de Traballo e Benestar, xa que se solicitou o seu cambio a aula para nenos entre 1-2 anos.

Direccións relacionadas



Compartir: