PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Concellería de Centros Socioculturais programa unha excursión de termalismo ao Balneario de Arnoia

11/09/2012 A Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais programou, no marco do seu programa de saídas e excursións, unha actividade de termalismo no balneario Arnoia Caldaria (Ourense). O prazo de inscrición aínda estará aberto ata o 15 de setembro.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e o director do Grupo Caldaria e presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña, convidaron os interesados a apuntarse nesta viaxe, que consiste nunha estancia de dúas noites, do 17 ao 19 de outubro, no Balneario de Arnoia. Os participantes poderán gozar dun programa moi atractivo que permitirá a convivencia en grupo e coñecer os beneficios dos programas de saúde que ofrece o termalismo.

A viaxe contempla un total de 50 prazas e aínda hai dispoñibilidade. O prezo da viaxe é de 125 euros, no que se inclúe a estancia de dúas noites, con pensión completa e un programa termal personalizado a gozar polos asistentes. Esta actividade é posible grazas a un acordo entre o Concello e o Grupo Caldaria, pero non supón ningún custo para as arcas municipais.

O grupo partirá de Santiago o mércores 17 de outubro pola tarde e a viaxe finalizará o venres 19 coa chegada a Santiago sobre as 17:00 horas. O programa completo pódese consultar en calquera dos centros socioculturais e mesmo descargarse nesta mesma paxina web municipal.

Francico Noya aproveitou a rolda de prensa para falar da boa acollida que está tendo o programa de excursións promovido polo seu Departamento, no que xa participaron 510 persoas. No que queda de ano aínda quedan seis saídas por realizar:

- Sábado 15 e domingo 16 de setembro: excursión á Venecia portuguesa(Aveiro – Viseu - Ilhabo). Prazas xa cubertas.

- Sábado 22 de setembro: Excursión a Carboeiro e xantar popular na praia fluvial da Carixa, con contos populares a cargo dun recoñecido artista da terra e música tradicional con acordeón e óboe. Aínda quedan prazas.

- Sábado 13 e domingo 14 de outubro: Excursión á Comarca da Maragateria/Medulas-Ponferrada-Astorga.

- Domingo 28 de outubro: Excursión ás terras ourensás/Ourense e Allariz.

- Domingo 18 de novembro: Excursión á Comarca do Condado/ Mondariz- Ponteareas.

- Domingo 16 de decembro: Excursión a Portugal/Camiña e Santa Lucía.

Documentos relacionados



Compartir: