MEDIO RURAL

Case 600.000 euros para obras de reforzo de firme no rural compostelán

11/09/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, comunicou que xa se abriron as ofertas para adxudicar as obras do Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. Nesta ocasión, o Concello optou por dedicar o orzamento dispoñible integramente a obras de reforzo do firme no rural compostelán.

Son sete proxectos, cun investimento total previsto de 588.520 euros. As actuacións a realizar son as seguintes:

- Reforzo do firme en Eixo de Arriba – Pereiras, 45.123 euros: dous tramos de 779 metros e reposición de catro sinais viarios.

- Reforzo do firme en Corexo (Marrozos), 133.871 euros: vieiro de 1.680 metros e reposición de 14 sinais viarios.

- Pavimentación en Barciela e Polveira, 73.590 euros: dous tramos de 1.210 metros e reposición de 13 sinais viarios.

- Reforzo do firme en Lavacolla - Sabugueira, 65.013 euros: dous tramos de 1.050 metros e reposición de 16 sinais viarios.

- Reforzo do firme en Vilar de Outeiro – Verdía, 56.658 euros: dous tramos de 900 metros e reposición de 11 sinais viarios.

- Pavimentación nos núcleos de Garabal, Barral e Pereiro (San Miguel dos Agros), 114.521 euros: vieiro de 1.655 metros e reposición de oito sinais viarios.

- Reforzo de firme en Aríns, 99.743 euros: tres tramos de 1.120 metros e reposición de 13 sinais viarios.

Ademais, hai aprobado a maiores un proxecto complementario, que se licitaría no caso de que os remanentes procedentes nas baixas das adxudicacións o permitiran. Neste caso, realizaríase o reforzo do firme en Frades (Enfesta). Trataríase dun investimento de 32.858 euros para reparar un vieiro de 600 metros e repoñer catro sinais viarias.

As sete obras iranse executando por orde de prioridade e non ao mesmo tempo, xa que se quere facer un control exhaustivo de cada unha das obras, certificando segundo os traballos executados e efectivamente rematados segundo as características e materiais proxectados. En calquera caso, lembrou, son actuacións que requiren unha ou dúas semanas, polo que no prazo duns tres meses se poderían executar todas. O inicio das obras está pendente de completar os trámites administrativos e da aprobación definitiva da Deputación da Coruña.

Todas as actuacións levan aparelladas a reconstrución das cunetas; limpándoas e perfilándoas; así como a recuperación de drenaxes transversais e tamén dos accesos a parcelas onde xa existan.

Documentos relacionados



Compartir: