MEDIO RURAL

Iníciase a primeira fase de desbroces en estradas do rural e pistas forestais

10/09/2012 Vén de asinarse o contrato que permitirá o inicio dos traballos de desbroce nas estradas nas cunetas das pistas asfaltadas das parroquias de Santiago e nas pistas forestais. Así o anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, quen explicou que se trata dunha primeira fase, na que se inclúen a slimpezas de masas comúns.

Luis Bello lembrou que ata agora, con motivo das festas patronais, se viñeran facendo os traballos de desbroce máis urxentes, á espera da aprobación dos orzamentos municipais. Ademais, a Consellería de Medio Rural estivo traballando nos montes composteláns en coordinación co Concello para a apertura e limpeza de pistas forestais. Neste caso investíronse uns 43.000 euros e actuouse sobre 71 quilómetros. Cómpre indicar que, neste caso, os traballos afectaron a franxas de seguridade de 5 metros en cada marxe.

No caso do Concello, vaise actuar sobre franxas de 2 metros a cada marxe. En total, investiranse nesta fase inicial 60.000 euros e actuarase nuns 350 quilómetros de pistas asfaltadas e forestais.

Na segunda fase de desbroces, que se licitará en breve, investiranse 92.000 euros. Así pois, o investimento total previsto polo Concello para a limpeza de cunetas e pistas forestais no rural estará entre os 135.000 e os 150.000 euros.

Executadas estas dúas fases -indicou o edil de Medio Rural- se ben non se poderá chegar á totalidade das pistas forestais, o Concello si terá actuado, cando menos, en todas as pistas asfaltadas do rural, repartidas nas súas 21 parroquias.

Compartir: