EMPREGO

Concello e Cámara apostan polo emprendemento como instrumento de creación de emprego e de tecido empresarial

10/09/2012 A concelleira de Emprego, Paula Prado visitou o Viveiro de Empresas que a Cámara de Comercio de Santiago ten no polígono da Costa Vella. Dezaseis empresas están na actualidade neste viveiro, que fomenta unha cultura, a do emprendemento, que se presenta como una das mellores alternativas para a saída da crise económica.

Esta visita enmárcase na colaboración permanente que o Concello mantén coa Cámara de Comercio, como axente esta do Pacto Local polo Emprego. Tamén se vén traballando conxuntamente en materia formativa e en accións como a presentada recentemente de difusión dos incentivos á contratación.

Paula Prado referiuse ao emprendemento como unha das mellores ferramentas para crear emprego e para fortalecer o tecido empresarial da cidade. Neste sentido, incidiu na necesidade de sensibilizar os cidadáns nesta materia, para que atopen no emprendemento unha alternativa profesional. Un exemplo desa tarefa de concienciación son as visitas abertas que realizan centros escolares ao Viveiro.

A edil salientou o traballo que se vén realizando no Viveiro de Empresas, que agora da acubillo a 16 empresas. Así, apuntou que, fronte á alta mortalidade entre empresas novas que se vén dando na actualidade, entre as xurdidas no Viveiro mantéñense en activo o 87%. A este éxito contribúe o labor de asesoramento e seguimento permanente que os técnicos do Concello e da propia Cámara realizan para estes emprendedores.

Compartir: