CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Cultura Viva. Fai túa Compostela" convida os veciños e veciñas a coñecer o rico patrimonio da cidade e das súas parroquias

10/09/2012 A Concellería de Centros Socioculturais e de Participación Cidadá pon en marcha un dos proxectos máis relevantes previstos para este novo curso 2012-2012: Cultura Viva. Fai a túa Compostela. Trátase dunha serie de roteiros didácticos ao longo da cidade e das parroquias e con distintos fíos condutores.

En palabras do concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, este é o programa "estrela" do curso e nace en resposta ás demandas dos cidadás e, en particular, dos usuarios dos centros. Así o referendou tamén a técnica Mª Carmen de la Cruz, quen explicou que moitos cidadáns reclaman actividades para coñecer "como está a cidade".

Xunto ao concelleiro e á técnica municipal estivo na rolda de prensa a coordinadora do programa, Mar Bóveda. Esta definiu o proxecto como "educativo", convertendo o patrimonio de Santiago no seu "eixo vertebrador".

O programa tamén pretende facer protagonista á cidadanía dos procesos de construción da identidade de Compostela, e amosar as facianas máis descoñecidas da cidade e das parroquias. En definitiva, trátase de por en valor o patrimonio natural e cultural, así como o traballo de artesáns, artistas e profesionais de distintas áreas(arte, literatura, patrimonio, historia, natureza, artesanía...) que fan de Compostela un Concello dinámico e de vangarda cultural en permanente efervescencia.

22 roteiros iniciais
Cultura Viva. Fai túa Compostela comprende diversos roteiros pola paisaxe cultural Compostelá, rural e urbana, tendo en conta de forma especial aos participantes e colaboradores do programa, que é a propia veciñanza de Santiago. A primeira fase, do 15 de setembro ao 1 de decembro, inclúe 22 roteiros guiados. O programa continuará entre o 12 de xaneiro e o 6 de xullo, con novas propostas nas que se terán en conta as demandas veciñais. Ademais, nesta segunda etapa daráselle protagonismo ás parroquias rurais.

Os itinerarios levaranse a cabo os mércores e sábados con seguinte calendario:

- Mañás, mércores e sábados, de 11:00 a 13:30 horas. Estes celebraranse os días 15, 19, 22 e 29 de setembro; 3, 6, 13, 17 20, 27 e 31 de outubro; 3, 10, 14, 17, 24 e 28 de novembro; e 1 de decembro.

- Tardes, mércores alternos (cada quince días), de 18:00 a 20:30 horas. Estes realizaranse os días 26 de setembro; 10 e 24 de outubro; e 7 e 21 de novembro.

Cada roteiro estará conducido por persoal especializado. Ademais, contarase coa colaboración de formadores ocasionais, como serán os propios artesáns, artistas, creadores, veciños dos lugares visitados, que se prestarán solidariamente a compartir a experiencia e facer realidade cada roterio.

Nesta primeira fase o programa achegaranos a diversas temáticas vinculadas ao traballo dos artesáns en Compostela, os espazos de creación e os artistas, rutas literarias, a arquitectura modernista na Cidade, o Castelo da Rocha, a muralla da cidade, o urbanismo fosilizado da cidade, o barrio de San Pedro, os balcóns de Compostela, as casas da cidade, as obras de enxeñería na cidade...

Inscrición e prezos
As inscricións realizaranse en calquera dos centros socioculturais da cidade a partir do 11 de setembro e ata ir cubrir as prazas, tendo prioridade os empadroados no Concello de Santiago. O prezo de cada roteiro para cada veciño e veciña de Compostela será de 1,50 euros, se ben se pode adquirir un bono por cinco roteiros ao prezo de 5 euros. Os desempregados e menores de 18 anos poderán participar de balde. Para as persoas non empadroadas, cada roteiro custará 15 euros.

Cada roteiro contempla un máximo de 20 prazas. En total, nesta primeira fase participarán 440 persoas.

Compartir: