MOBILIDADE

Os horarios de inverno do transporte público entrarán en vigor o 10 de setembro

07/09/2012 Segundo informa TUSSA, a empresa municipal de xestión do transporte urbano en Santiago, o luns 10 de setembro producirase o cambio aos horarios de inverno no transporte urbano.

Nesta nova tempada non se inclúen grandes cambios, senón que se aposta por dar continuidade ás modificacións realizadas no inverno pasado, na procura de lograr o asentamento da rede de transporte e continuar cos obxectivos marcados de favorecer a accesibilidade e a fiabilidade dos usuarios.

Con todo, e dado que a rede de transporte urbano é unha rede viva e en continua evolución, realizouse algún cambio para mellorar as relacións de mobilidade:

1. Incorpórase á liña 1 o aparcadoiro de Santa Marta no seu horario de funcionamento (de luns a venres de 7:30 a 15:00 horas).

2. Incorpórase a liña 15 á avenida de Barcelona.

Así mesmo, traballouse na adecuación de horarios, en contacto coas asociacións veciñais da cidade. Inténtase deste xeito achegar cada día máis o transporte urbano aos cidadáns das novas zonas de residencia do concello.

Para máis información pódense consultar os horarios na páxina web www.tussa.org. Ademais, todos os usuarios poden consultar calquera dúbida no 901 120 054 ou a través dos perfís de TUSSA en Twitter e Facebook.

Compartir: