ECONOMÍA

O Concello de Santiago e a AJE Galicia estreitan lazos de colaboración

07/09/2012 A concelleira de Economía e Comercio, Reyes Leis, mantivo unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Xóvenes Empresarios (AJE Galicia), Daniel Ramos, e co seu xerente, Guillermo Gonzalo Nieto, aos que lle trasladou o "apoio total" da Corporación municipal compostelá ás iniciativas da entidade.

O Concello de Santiago prosegue así no seu camiño á hora de priorizar a actividade económica como unha das vías máis óptimas de dinamización da cidade. Por iso, o apoio ás iniciativas empresariais innovadoras é un punto especialmente importante.

Neste sentido, Reyes Leis trasladou á directiva de AJE a dispoñibilidade "absoluta" do Concello compostelán a apoiar as iniciativas dos emprendedores galegos en aspectos como a axilización de trámites (licenzas) ou a dotación de ferramentas na busca de financiamento, ámbito no que se está a negociar con varias entidades.

Ademais, a concelleira de Economía incidiu na necesidade de que os emprendedores galegos teñan acceso a formación adecuada ás necesidades do seu negocio, por medio de actividades que se están a realizar dentro do programa Santiago Investors Support – no que participan dez entidades da cidade- e que tiveron moi boa acollida neste primeiro semestre, continuando agora no segundo. Así mesmo, estase a traballar moito no "networking" para fomentar o intercambio de experiencias e a colaboración empresarial, e tamén en actividades ás que as novas tecnoloxías dan acceso, onde o CERSIA se configura como un dos puntos clave de fomento e axuda ao emprendemento.

Compartir: