CENTROS SOCIOCULTURAIS

A exposición "Cidades de papel" abre unha Semana Cultural de Conxo con actividades para todos os públicos

06/09/2012 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a Semana Cultural de Conxo, que xa alcanza a súa edición número 27. Do 11 ao 15 de setembro, o barrio acollerá exposicións, cine ao aire libre, xogos, obradoiros, deporte, teatro, baile, animación á lectura, itinerarios pola cidade e ata a presentación dun libro.

O propio Francisco Noya inaugurará a Semana Cultural de Conxo o martes 11, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. Será este o momento para abrir tamén a exposición Cidades de papel, de David Pintor, que permanecerá en Conxo ata o 30 de setembro. Logo, a mostra trasladarase a Vite (do 2 ao16 de outubro) e a Fontiñas (do 18 ao 31 de outubro).

Nesa mesma xornada de martes haberá actividades lúdicas e un encontro coa artista María Meijide, que impartirá un taller de debuxo para todos os públicos. E xa pola noite, cine de animación ao aire libre na praza Aurelio Aguirre.

O programa do mércores 12 comezará coas partidas simultáneas de xadrez a cargo do mestre Pablo Cordido e cos xogos para os máis pequenos. Tamén pola tarde, taller de danzas polinesias, hawaianas e Bollywood; sesión de videoxogos; e a proxección dun documental sobre o psiquiátrico de Conxo.

Un clinic sobre ciclismo urbano e unha xincana ciclista abrirán a xornada do xoves 13, na que tamén haberá tai-chi ao aire libre e dúas sesións de teatro. Na primeira, o Grupo de Teatro do Centro Sociocultural da Rocha representará A culpa foi do cha-cha-cha, de Carmen Gómez e Antón Ferrari. A continuación, vez para o Grupo de Teatro do Centro Sociocultural de Conxo coa obra Aquí non paga nin Dios, de Darío Fo. O día pecharase con outra proxección de cine de animación ao aire libre.

O venres 14 é o día reservado para o baile na praza Aurelio Aguirre, co grupo Enclave. Ademais, programouse un encontro-exhibición do Grupo de Tenis de Mesa de Conxo e un taller de xogos do mundo. E xa a última hora da tarde, presentación do libro Conxo vía Carril, de Juan José Lema Negrillo, Alberto Vilariño Vieites e Xosé L. Mulet Rodríguez.

A última xornada da Semana Cultural de Conxo, o sábado 14, abrirase xa pola mañá cun itinerario cultural pola cidade que permitirá descubrir os gremios actuais: artesáns e artistas contemporáneos. Pola tarde, haberá xogos e unha sesión de animación á lectura coa compañía Títereficciós. E logo dos contos, actuación do coro infantil Cantabile na igrexa de Conxo.

Actividades de outono nos centros
Francisco Noya aproveitou tamén a rolda de prensa para dar conta das actividades programadas na Rede de Centros Socioculturais de outubro a decembro: cursos, obradoiros, monográficos, exposicións, charlas, xuntanzas informativas, excursións, xornadas conmemorativas de barrios, bailes, visitas guiadas, actuacións musicais, teatro, xogos de rúa, servizos de biblioteca, aulas de xogo, aulas informáticas…

Algunhas das actividades teñen límite de praza, polo que se abrirá un período de inscrición nas mesmas do 10 ao 21 de setembro.

O gasto previsto para esta programación xeral, aprobada en Xunta de Goberno, é de 82.000 euros, contemplándose uns ingresos de 57.000 euros polos prezos para as actividades de pago. En total, ofrécense 2.855 prazas para estas actividades con custo, e outras 500 para as actividades de balde.

Recordou o concelleiro que esta é unicamente a programación de base, que logo se complementa con outros programas específicos e mesmo coa actividades que as asociacións veciñais realizan nos centros socioculturais.

Compartir: