EMIGRACIÓN

O Concello financiará a estancia de seis anciáns santiagueses no Fogar Español de Montevideo

04/05/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio con Fogar Español de Montevideo, para subvencionar a estancia neste centro e sufragar os gastos de manutención, roupa e medicamentos de seis anciáns santiagueses. O Concello facilitará 6.000 euros a esta fin, 1.000 por ancián.

Grazas a esta axuda, os emigrantes poderán manter unhas condicións de vida dignas sen por iso ter que separarse do seu contorno familiar. Para estes maiores, esta alternativa resulta máis axeitada que a da propia repatriación, polo arraigo familiar que xa teñen na seu país de acollida.

No Fogar Español de Montevideo viven 185 emigrantes españois de escasos recursos económicos, dos que arredor dun 85% son galegos. Na actualidade, os maiores ingresan na institución con idade máis avanzada e con maiores problemas de saúde. De feito, do total de residentes, un 66% son semi-dependentes ou dependentes totais.

O alcalde e a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regulez, foron recibidos pola directiva da institución, encabezada polo seu presidente, Liberio Antelo Agrelo. Sánchez Bugallo recordoulles que en Santiago de Compostela residen actualmente preto de 300 uruguaios e 7.000 en toda Galicia -con nacionalidade uruguaia unicamente-. A estes súmanse 12.000 retornados, entre emigrantes santiagueses e os seus descendentes, estes últimos si uruguaios, pero con nacionalidade española.

O rexedor compostelán Alcalde reiterou a necesidade de atender non só aos emigrantes maiores, senón ás segundas e terceiras xeracións, "para que estas non perdan a súa identidade galega", afirmou. "Estes son temas de responsabilidade e estou convencido que España debe recoñecer a nacionalidade destas segundas e terceiras xeracións de españois", engadiu.

Este convenio é o cuarto que asinou Sánchez Bugallo na súa visita institucional a Bos Aires e Montevideo, ben na súa calidade de alcalde como na de presidente da Mancomunidade de Santiago. Ademais do sinalado, subscribiu dous acordos coas delegacións da Fundación Españois no Mundo en Uruguai e Arxentina, para a realización de censos que permitirán coñecer en profundidade a situación socioeconómica dos santiagueses residentes nestes países. O cuarto convenio, asinado pola Mancomunidade, refírese ó financiamento do transporte para estudantes de Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires e o amoblamento dunha aula de nivel medio.

Compartir: